Pontevedra reúne esta semana a equipos de referencia internacional no Torneo de Balonmán InterPontes

Pontevedra acollerá os días 13 e 14 de agosto a segunda edición do Torneo Internacional de Balonmán InterPontes, unha competición que reunirá no Pavillón Municipal dos Deportes a catro equipos de referencia do balonmán nacional e internacional.
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, presentou este luns a cita na sede da institución provincial en Vigo, nun acto no que puxo en valor a consolidación dun evento que combina a dimensión deportiva coa promoción turística da provincia.
O torneo contará nesta edición coa participación do Club Cisne Balonmán, que exercerá como anfitrión, o Frigoríficos do Morrazo, o FC Porto de Portugal e o ONE Vezprém de Hungría. A presenza destes equipos permitirá ao público asistir a unha competición con participación de clubs procedentes de diferentes países e cun elevado nivel deportivo.
Durante a presentación, Sánchez destacou que o InterPontes contribúe a proxectar Pontevedra como escenario para a celebración de grandes competicións deportivas e, ao mesmo tempo, permite dar a coñecer o potencial turístico do territorio.
A vicepresidenta provincial sinalou que “a provincia de Pontevedra é un territorio perfecto para acoller competicións deportivas de primeiro nivel”, tanto pola calidade dos seus clubs e instalacións como pola capacidade para ofrecer aos deportistas e afeccionados unha experiencia que vai máis alá da propia competición.