Pontevedra solicita ao Estado máis de 4 millóns de euros para reparar os danos causados polos temporais

O Concello de Pontevedra solicitou ao Estado máis de 4 millóns de euros para reparar os danos provocados polos fortes temporais rexistrados durante este inverno. En total, o goberno municipal presentou 41 actuacións destinadas á restitución de infraestruturas e equipamentos municipais.
O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, informou da tramitación destas solicitudes de financiamento, que ascenden a 4.037.660,23 euros e que teñen como obxectivo repoñer infraestruturas que colapsaron como consecuencia directa das fortes precipitacións e do vento.
Principais intervencións
Entre as actuacións presentadas destacan varias pola súa relevancia económica e pola gravidade dos danos sufridos.
A intervención de maior importe corresponde ao Recinto Feiral, cun investimento previsto de 750.000 euros para substituír a cuberta do edificio, deteriorada pola acción continuada da chuvia e do vento.
Outra actuación destacada é a reparación do colector xeral do río dos Gafos, nas proximidades da estación intermodal, cun custo estimado de 743.074 euros. As avenidas de auga e os desprendementos de terras provocaron a rotura desta infraestrutura de saneamento, que terá que ser reposta nun tramo de 260 metros.
Tamén se inclúe a reparación da canalización da Rúa do Santo, en Praceres, cun investimento de 270.477 euros, despois de que as intensas achegas de auga inutilizasen a canalización subterránea e provocasen inundacións recorrentes que afectaron á veciñanza.
Danos en espazos públicos e instalacións municipais
Entre outras actuacións previstas figura a reparación da Illa do Cobo, cun orzamento de 229.295 euros, onde as inundacións provocaron a degradación dos camiños de xabre, danos nas pradeiras e nas pasarelas de madeira.
Tamén será necesaria a substitución da cuberta do pavillón de San Bieito de Lérez, cun investimento estimado de 208.000 euros, e a reparación de filtracións e danos provocados pola chuvia no Estadio Municipal de Pasarón, cun custo de 150.000 euros.
Outra das intervencións inclúe a mellora da rede de pluviais na rúa Fernando Olmedo, cun investimento de 89.668 euros, despois de que os anegamentos superasen a capacidade da rede actual e provocasen danos en pozos de rexistro, baixos e garaxes.
Outras actuacións no rural e en equipamentos municipais
A relación de actuacións remitida á Subdelegación do Goberno inclúe tamén melloras en distintos equipamentos municipais e espazos públicos afectados polos temporais.
Entre eles figuran varios centros sociais como os de Ponte Sampaio, Casa Azul e Campañó, así como a praia fluvial do Lérez, a contorna da Xunqueira de Gándara e diversos camiños do rural que foron danados polas fortes choivas.