Pontevedra ultima os preparativos para recibir ás Súas Maxestades de Oriente

Os Reis Magos recibirán ás crianzas no Salón de Plenos ás 11.00 horas e pola tarde percorrerán a cidade nunha cabalgata con carrozas de Merlín, Star Wars e Tarzán.
Cabalgata Pontevedra
5 Jan 2026

Pontevedra está a ultimar os preparativos para recibir, ás Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente nunha xornada chea de ilusión, música e fantasía. A cidade vestirá as súas rúas de gala para unha celebración na que se repartirán ao longo do percorrido 2.000 quilos de caramelos.

A xornada máxica comezará pola mañá coa Recepción Oficial dos Reis Magos, que terá lugar ás 11.00 horas no Salón de Plenos da Casa do Concello. Melchor, Gaspar e Baltasar serán recibidos polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e atenderán ás crianzas que se acheguen para entregar as súas cartas e compartir os momentos previos á noite máis especial do ano.

Xa pola tarde, a partir das 18.00 horas, sairá a tradicional Cabalgata de Reis, que converterá Pontevedra nun gran escenario de fantasía. O desfile abrirase coa Policía Local e o camión escaleira dos Bombeiros, acompañados pola música da Banda de Salcedo.

A animación estará garantida coa participación de numerosas compañías e espectáculos, como os “Flamingos” e “Medusas” de Barafunda, os zancudos de Hípica Celta, as “Ovellas do Belén” de Rivel Animación ou as propostas musicais da Charanga Xuntanza, Gaiteiros Celme, o grupo folclórico Pola Vila, Duos Pontes e a percusión de Troula cos espectáculos “Circo Krasnodar” e “O Dentista da Rúa Brasov”.

As carrozas temáticas volverán ser un dos grandes atractivos, con referencias a mundos imaxinarios como Merlín, Star Wars e Tarzán, antes da chegada das carrozas reais de Melchor, Gaspar e Baltasar. O desfile pecharase cos elefantes de La Fiesta Escénica e as “Nécoras da Ría” de Rivel Animación.

O percorrido da Cabalgata será o seguinte: Avenida de Lugo, Loureiro Crespo, Benito Corbal, Praza da Peregrina, Michelena, Praza de España, e remate na Alameda.

Plan especial de tráfico

Co obxectivo de garantir a seguridade e o bo desenvolvemento do evento, a Policía Local activará un dispositivo especial de tráfico. Dende as 16.00 horas pecharase ao tráfico a zona de concentración da comitiva e, a partir das 17.00 horas, o resto do itinerario da Cabalgata, mantendo en todo momento itinerarios alternativos de acceso aos hospitais.

O Concello de Pontevedra fai un chamamento á colaboración cidadá para respectar as indicacións da Policía Local e Protección Civil e gozar dunha tarde-noite máxica coa chegada dos Reis Magos.

⚙ Configurar cookies
0.3236780166626