Pontón anuncia que o BNG impulsará unha comisión de investigación para depurar responsabilidades polos incendios

Ana Pontón anuncia que o BNG impulsará unha comisión de investigación parlamentaria para depurar responsabilidades pola vaga de incendios que arrasou máis de 100.000 hectáreas en Galicia e reclama un cambio de modelo forestal con máis prevención e apoio ao rural.
Ana Ponton
26 Aug 2025

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cualificou de “auténtica catástrofe social, ambiental e económica” a vaga de lumes que arrasou máis de 100.000 hectáreas, aldeas enteiras, infraestruturas e espazos naturais de grande valor.

Pontón acusou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de ser responsable da “peor xestión dos incendios da nosa historia” por fallar en tres frontes: prevención, dinamización do medio rural e xestión da crise.

A líder nacionalista anunciou dous pasos inmediatos. En primeiro lugar, a convocatoria urxente da Deputación Permanente do Parlamento para que Rueda compareza esta mesma semana e dea explicacións. “Agardo que o PP non use o seu rodillo absolutista para impedir esta comparecencia”, advertiu.

En segundo lugar, o BNG solicitará a creación dunha comisión de investigación parlamentaria para analizar en profundidade a xestión desta vaga de incendios. “Cando hai máis de cen mil hectáreas arrasadas, centos de casas ardidas, espazos de enorme valor ambiental calcinados, explotacións afectadas e perdas millonarias, é evidente que alguén fixo algo mal e alguén debe ser responsable”, sinalou.

Pontón denunciou que a Xunta deixou sen executar axudas e medidas preventivas, non mobilizou todos os medios dispoñibles, desactivou bombeiros en plena emerxencia e mantivo brigadas incompletas. Criticou ademais a falta de transparencia, ao ocultar información e minimizar datos oficiais fronte aos rexistros de satélite, e tamén a “instrumentalización da TVG ao servizo do PP” mentres milleiros de galegos e galegas arriscaban a vida para salvar as súas aldeas.

A portavoz nacional insistiu en que “cando un goberno falla con esta gravidade, ten que asumir responsabilidades” e reclamou un cambio de modelo forestal e rural, con maior investimento en prevención, ampliación das faixas de protección arredor das vivendas, un monte multifuncional que combine aproveitamento forestal e agrario, e un servizo de extinción dimensionado á realidade actual.

“Un medio rural vivo e produtivo é o mellor antídoto contra os incendios”, subliñou Pontón, que tamén trasladou unha mensaxe de recoñecemento e solidariedade ao persoal de extinción, ás brigadas feridas e á cidadanía que voluntariamente se xogou a vida para protexer casas, explotacións e patrimonio natural.

⚙ Configurar cookies
0.24808597564697