Pontón anuncia un plan do BNG para rescatar a sanidade de Ourense

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, levará ao Parlamento un plan para rescatar a sanidade pública de Ourense do deterioro provocado pola política de recortes e privatizacións do PP.
Ana-Pontón
15 Apr 2025

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, anunciou que a súa formación levará ao Parlamento galego un plan para rescatar a sanidade pública de Ourense, que cualificou de “lamentable” tras anos de recortes e privatizacións impulsados polo PP.

O plan nacionalista contempla actuacións tanto no ámbito hospitalario como na atención primaria, incluíndo compromisos claros por parte da Xunta para construír un novo hospital Materno Infantil, desbloquear as obras da área de hospitalización —paralizadas desde hai seis meses—, dotar dunha UCI con medios e persoal adecuados e reforzar os recursos nos centros de saúde.

Pontón fixo estas declaracións diante do propio hospital Materno Infantil de Ourense, “que cae a cachos”, acompañada de representantes do BNG como Luís Seara, Iago Tabarés e Iria Carreira. Lamentou o deterioro das instalacións sanitarias, exemplificado tamén polo recente asolagamento do edificio Cristal, e criticou a inacción da Xunta e do presidente Rueda.

A líder nacionalista advertiu da propaganda do PP, que anuncia reformas sen consignación orzamentaria real, como ocorre co proxecto de reforma do Materno Infantil. Criticou tamén que a área de hospitalización do CHUO leve medio ano sen avances e que a UCI do hospital conte con menos camas das previstas.

Pontón denunciou que esta situación “non é casual”, senón consecuencia de 16 anos de recortes e dun modelo ideolóxico que promove o negocio coa saúde. Aludiu ao informe do Consello de Contas que cifra nun 18% o incremento de derivacións á sanidade privada, así como ao sobrecusto de 470 millóns de euros na construción do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, recursos cos que —afirmou— “se podería levantar un novo hospital en Ourense”.

⚙ Configurar cookies
0.18149995803833