Pontón aposta pola ciencia e a investigación “fronte ao negacionismo científico da dereita reaccionaria"

A portavoz nacional, Ana Pontón, defendeu a aposta estratéxica do BNG pola ciencia e o coñecemento como piar de desenvolvemento en Galiza, fronte ao “negacionismo” científico da dereita reaccionaria.
“Estamos nun momento en que a dereita ultra está cuestionando a ciencia e quere levarnos para atrás cuestionando o propio coñecemento científico ao rebater as súas teses e, fronte a eses terraplanistas, o que defendemos é máis ciencia no noso País, máis coñecemento e máis aposta pola investigación e polo desenvolvemento que teña no coñecemento o seu piar”, recalcou.
A portavoz nacional recordou neste punto que, nada máis chegar á Xunta, o primeiro que fixo Feijóo foi recortar en ciencia, o que, advertiu, levou ao País a estar “por debaixo da media estatal e moi lonxe da media europea en canto a investimento en ciencia”, logo dunha visita ó Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC).
Neste sentido, defendeu as propostas do BNG para apoiar a I+D+i galega e, de cara ás eleccións xerais do próximo 29 de novembro, avanzou que unha das liñas que a formación nacionalista vai defender é que o Estado “ten que financiar máis o sistema científico galego”, unha “medida correctora de desigualdades” para apoiar a ciencia no País.
No que se refire ao ámbito galego, e no marco do debate orzamentario de 2027, avanzou que o Bloque proporá que o ano que vén a Xunta destine á ciencia o 3% do orzamento total á ciencia, o que significa unha partida de 140 millóns de euros adicionais para darlle máis apoio ao sistema científico.
Por último, recalcou que “non se pode facer ciencia sen persoas”, polo que apostou por rematar coa precariedade no sistema investigador cun verdadeiro Estatuto do Persoal de Investigación que “defina ben a carreira científica e facilite unhas condicións dignas”.
En definitiva, sintetizou, “fronte ao negacionismo da dereita da ciencia”, o BNG aposta por “máis ciencia”, dado que Galiza “non pode ser un país low coast”, senón que ten que ser un país “punteiro na ciencia, na investigación e no desenvolvemento”.
Pontón agradeceu a visita á dirección e aos integrantes dos equipos de investigación que traballan no CISPAC, un centro do que salientou o seu carácter interuniversitario e o seu traballo interdisciplinar sobre temas como o desenvolvemento económico e dun territorio “que sexa realmente respectuoso” ou “a defensa do patrimonio e da memoria”, que considerou cuestións e valores moi importantes para construír o futuro do País.
A líder nacionalista reclamou por último que se poña fin á discriminación que sufre o CISPAC que, precisamente por ser un centro de tres universidades, “non pode acceder a liñas de financiamento basal”.