Pontón esixe explicacións a Rueda polos casos de abandono nas residencias de maiores de Monforte, Amoeiro e Xinzo

A portavoz nacionalista considera “de máxima gravidade” as denuncias e acusa a Xunta de “mirar para outro lado”
Ana Ponton
Ana Pontón
7 Nov 2025

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, esixiu esta mañá a comparecencia urxente no Parlamento do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, tras coñecerse un novo caso de abandono na Residencia DomusVi de Monforte. Esta denuncia súmase ao caso das residencias de Amoeiro e Xinzo, pechadas cunha semana de diferenza.

“Que máis ten que pasar, cantos anciáns desnutridos e cantos Amoeiros máis ten que haber para que o presidente da Xunta deixe de mirar para outro lado e se tomen medidas que garantan vellez digna ás persoas maiores”, sinalou Pontón, que advirte da “máxima gravidade” das denuncias feitas ao BNG sobre a situación da residencia monfortina, segundo as cales as persoas maiores conviven con sucidade e cheiros insoportables e mal alimentadas.

Para Pontón “é evidente que neste momento non se están garantindo as condicións necesarias de atención en todo sistema de residencias do País”. A líder nacionalista insistiu no acontecido fai unhas semanas en na vivenda comunitaria de Amoeiro, que foi pechada ao comprobarse que as persoas usuarias estaban desnutridas e en malas condición, así como o caso de Xinzo, onde unha residencia foi clausurada por irregularidades, con só unha semana de diferenza entre ambos peches.

“Por que o señor Rueda oculta ese acta de inspección que non remite ao Parlamento?, cuestionou a líder nacionalista, que advirte que tras a última denuncia pola situación na Domus VI de Monforte xa non se pode falar de “casos illados” senón “dun problema que explotou durante a pandemia e diante do cal a Xunta, en vez de tomar medidas para reverter a situación, segue a mirar para outro lado”.

A voceira nacionalista apunta directamente ao presidente da Xunta que di, “ten que darlle explicacións aos galegos e ás galegas e, sobre todo, actuar de maneira urxente con medidas para garantir unha boa atención ás persoas maiores” así como tamén “mellorar as condicións do cadro de persoal destes centros” que denuncia, traballan “en condicións moi precarizadas, con salarios moi baixos e con moitísima temporalidade”.

Ademais, afea a “inxente cantidade de recursos públicos que empresas como DomusVi están recibindo das arcas públicas” e critica con dureza que “o Goberno galego rexeite actuar como mediador e “nin tan sequera se digna a reunirse coas mulleres que están coidando unha parte tan importante da poboación no noso País”.

Pontón esixe ao presidente da Xunta que faga públicas as actas das inspeccións nas residencias de maiores, e lembra que quince días antes ser pechada, a residencia de Amoeiro recibiu unha visita dos servizos de Inspección de Política Social mais tivo que ser unha inspección de traballo e a Garda Civil quen desencadease o desaloxo das persoas usuarias.

⚙ Configurar cookies
0.29632687568665