Pontón insiste en Madrid en que co voto ao BNG Galicia "se fai valer en Madrid" para ter un "unha vida digna"

Néstor Rego: “O BNG é a única alternativa na Galiza para transformar o País”
mitin-ribeia-bng
23 Nov 2026

A portavoz nacional, Ana Pontón, chamou en Ribeira a concentrar no BNG este 29N todo o voto galego, “todo o voto das persoas que levan Galiza na cabeza e no corazón” e que quere defender o dereito a unha vida digna.

“Se queremos que os nosos problemas teñan solucións, se queremos que as necesidades dos galegos e das galegas teñan peso e se atendan en Madrid só hai unha opción, concentrar todo o voto galego no BNG”, proclamou xunto ao cabeza de lista ao Congreso pola Coruña, Néstor Rego, nun mitin de campaña no que tamén participaron a candidata pola comarca, Rosana Pérez, e o portavoz municipal e candidato á Alcaldía, Luís Pérez.

Pontón remarcou que o voto BNG é o que vai defender a vida dos galegos e das galegas, o que “vai poñer a cara e o corpo” para que o País gañe peso político e se faga valer en Madrid. Peso político, explicou, significa máis investimentos, mellorar as infraestruturas, reforzar os servizos públicos ou máis recursos, por exemplo, para vivenda.

En definitiva, a papeleta do Bloque é a que representa a defensa do dereito da cidadanía galega a ter unha vida digna e non ser tratada como se fose de segunda, fronte a un bipartidismo que só busca votos en campaña electoral e logo goberna catro anos sen atender os problemas e as necesidades do País.

Neste sentido, criticou ao PP que pretenda presentar agora a Feijóo como un gran xestor cando o seu balance á fronte da Xunta foi dinamitar a política pública de vivenda, recortar en sanidade, educación e dependencia e triplicar a débeda pública. “Este é o gran xestor”, sintetizou.

Mais tamén afeou a Pedro Sánchez que presuma agora duns descontos nas peaxes da AP-9 que só foron posible grazas ao BNG, ao tempo que lle recordou que os galegos e as galegas aínda esperan a que se lle poña fin a esta “estafa” coa que, denunciou, xa puideron ter acabado e non quixeron.

Por iso, chamou a ir votar este 29N “con orgullo de País” polo Bloque, para que Galiza aumente o seu peso político e se faga valer e para defender políticas valentes a favor da maioría social como fixeron os galegos e as galegas na pasada folga xeral cun seguimento e unhas mobilizacións masivas en defensa da vivenda e dunha vida digna. “E este 29 de novembro temos que saír tamén a defendelas co voto BNG”, apelou.

A líder nacionalista advertiu sobre un contexto de involución a nivel internacional marcado polas guerras e os xenocidios, no que se impoñen discursos de odio e no que se cuestionan os avances sociais que tanto custou conquistar.

Nesta liña, sinalou que non fai falta máis que ver a axenda de recortes do PP que xa aplica en Galiza un Alfonso Rueda que se pon a perseguir aos traballadores e traballadoras que están enfermos e collen unha baixa laboral ou advertiu sobre como se están cuestionando tamén os dereitos das mulleres. “Xa lles digo que as mulleres non imos permitir nin un só paso atrás porque os nosos dereitos non se tocan”, advertiu para apelar tamén a unir no BNG o voto de todas as galegas que non queren retroceder en igualdade.

Así mesmo, denunciou como se poñen tamén en tela de xuízo os servizos públicos, cuestionando o mantemento do sistema público de pensión ou o investimento en sanidade e educación, mentres se avoga por aumentar o gasto militar.

A portavoz nacional denunciou que o Estado enterrou 17.000 millóns de euros na guerra de Ucraína e situou o gasto militar en 2025 a 35.000 millóns -que o PP quere elevar até os 50.000 millóns-, fondos que apostou por destinar a mellorar a vida da xente.

“O problema non é que non haxa recursos, o problema é cales son as prioridades e no BNG temos claras as nosas: menos gasto militar e máis gasto social; non queremos cartos en bombas e guerras, queremos paz e servizos públicos de calidade e isto é o que representa tamén a nosa papeleta”, remarcou.

A portavoz nacional criticou que este modelo conduce a unha maior desigualdade social, máis tamén entre territorios, cun deseño centralizado no que Galiza perde. “Nos últimos aos no Estado todas as nacións e comunidades perderon peso menos unha, Madrid”, explicou para evidenciar así un sistema profundamente centralista que concentra investimentos e todos os centros de poder.

“Se queremos romper con ese modelo, temos que apostar con forza por que Galiza se faga valer”, resumiu para concluír apelando a encher as urnas de papeletas do BNG este 29N. “A xente que leve a este País na cabeza e no corazón, que queira políticas diferentes e transformadoras, que queira defender dereitos avanzados, as mulleres que non queremos dar nin un só paso atrás ou os mozos e mozas que queren ter futuro en Galiza, este 29 de novembro a votar con ilusión polo BNG”, concluíu.

Pola súa parte, Néstor Rego tamén chamou a votar masivamente ao BNG porque “é a única alternativa na Galiza, cumpre cos intereses do País, cos dereitos sociais das clases populares e é un muro de contención contra o bloque reaccionario”.

O cabeza de lista ao Congreso pola Coruña puxo en valor o traballo realizado polo BNG nesta lexislatura e o feito de “sermos a única forza política que puxo enriba da mesa un paquete de medidas para mellorar as infraestruturas ferroviarias, poder termos cercanías, as infraestruturas viarias, o medio ambiente, as bonificacións da AP-9 e a súa transferencia, máis fondos para a dependencia, a suba das pensións mínimas e non contributivas por riba do IPC ou a implantación de novos xulgados de violencia machista, entre outras moitas melloras da calidade de vida dos galegos e das galegas”.

“Cumprimos e fomos a voz insubornábel dos intereses dos galegos e das galegas”, por iso, recalcou, “pedimos á sociedade galega máis forza para o BNG en Madrid” e dirixiuse especialmente á mocidade: “Precisamos que a mocidade que deu un exemplo de dignidade na defensa da vivenda, dos seus dereitos e contra o fascismo nas mobilizacións do 11N, traballe para trasladar ás urnas o 29N toda esa forza para enchelas de votos ao BNG”.

Tamén quixo explicar en Ribeira todo o traballo realizado polo BNG para a defensa da nosa pesca e do noso sector marisqueiro. “Para nos a pesca foi irrenunciábel. Exiximos a anulación das 87 vedas da UE, un novo Acordo pesqueiro con Mauritania, máis cotas da sardiña e unha mellora e rexeneración das nosas rías. Para iso, acordamos co Goberno a realización dun estudo do IEO sobre a perda de produtividade das rías galegas debido ao Cambio Climático”.

Para continuar na defensa da Galiza, demandou “confiar no BNG e facer posíbel que o 29N teñamos un grandísimo resultado para que Galiza conte, teña peso e nunca máis sexa esquecida”, asegurando para concluír que “podemos ademais parar á ultra dereita porque “estamos en condicións de arrebatarlles escanos en todas partes”.

1.4271380901337