Pontón: “Os orzamentos non arranxan problemas, son o retrato dun goberno estancado que mantén Galiza en punto morto”

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, advertiu que os Orzamentos para 2026 presentados pola Xunta “non arranxan os problemas reais dos galegos e das galegas”, senón que constitúen o “retrato perfecto dun goberno estancado, sen ideas e conformista” que “mantén Galiza en punto morto”.
“Hai máis ambición nos orzamentos de calquera comunidade de veciños que nestas contas rutineiras do Partido Popular, que son pura burocracia contable”, ironizou Pontón, cuestionando a falta de proxectos de futuro e a ocultación do documento aos grupos da oposición “para continuar coa propaganda”.
A líder nacionalista preguntou se estas contas mellorarán a vida da cidadanía: “Van mellorar a sanidade, a dependencia, a educación ou o acceso á vivenda? Van servir para loitar contra o cambio climático ou dinamizar o rural?”. A resposta, dixo, “é un rotundo non”.
Rebaixas fiscais e recortes nos servizos públicos
Pontón denunciou que o Goberno do PP “mantén agasallos fiscais ás persoas máis ricas” mentres miles de galegos non poden pagar un alugueiro. Lembrou que a política de baixar impostos “fai perder 793 millóns de euros que poderían destinarse a sanidade, educación, dependencia ou vivenda”.
“Baixar impostos deteriora os servizos públicos”, afirmou, advertindo de que o PP busca “recortar para logo xustificar privatizacións que benefician a quen fai negocio coa vellez, coa saúde ou coa educación”.
Débeda pública e prioridades de gasto
Pontón tamén puxo o foco na débeda pública, que xa é a terceira partida máis importante dos orzamentos, con 1.859 millóns de euros, o que supón 685 euros por cada galego ou galega.
“Rueda destina tres veces e media máis á débeda que á vivenda, oito veces máis que á Consellería do Mar e once veces máis que á loita contra o cambio climático”, criticou.
A portavoz lembrou que o BNG conseguiu negociar unha quita de 4.000 millóns de euros co Goberno central, pero Rueda “négase a aceptala, como se nos sobrasen os cartos”.
Servizos sociais e medio ambiente
Pontón lembrou os recortes no Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que perdeu 35,5 millóns de euros entre 2024 e 2025 a pesar do colapso do sistema. “Agora anuncian oito millóns máis, pero a experiencia di que logo recortan”, advertiu.
Tamén denunciou que, despois da maior vaga de incendios, a Consellería de Medio Ambiente recorta 19 millóns de euros, e que a Xunta “repite as mesmas políticas de sempre mentres Galiza perde recursos e poboación”.
Cambios lexislativos “pola porta de atrás”
A portavoz nacional advertiu que os orzamentos “se están a converter nunha coadeira” para modificar leis sen debate parlamentario. Segundo explicou, o texto inclúe cambios en 69 leis e 16 regulamentos, moitos deles “para facilitar o espolio dos recursos naturais e favorecer as eléctricas, a megaminaría e proxectos como Altri”.
“Repiten o de sempre: man dura contra a cidadanía e favores ás grandes empresas”, concluíu Pontón, quen cualificou as contas de “rutineiras, sen ambición e ao servizo dos intereses do Partido Popular, non de Galiza”.