Pontón pide a comparecencia de Rueda polo colapso das urxencias e acúsao de poñer en risco a saúde da cidadanía

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, avanzou desde Vigo que a formación nacionalista solicitará a comparecencia do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no primeiro Pleno do Parlamento para que dea explicacións polo colapso dos servizos de urxencias hospitalarias e polo deterioro xeral da sanidade pública galega.
Pontón fixo estas declaracións diante do Hospital Álvaro Cunqueiro, un escenario que —segundo indicou— podería ser calquera outro do país porque “a situación é crítica en todo o sistema sanitario”. A líder nacionalista esixiulle ao presidente que explique “se lle parece normal” que a cidadanía teña que pasar “por un auténtico calvario” cando enferma e ten que acudir a urxencias.
A portavoz do BNG denunciou a falta de previsión do Goberno galego ante o pico da gripe, o colapso das urxencias, o deterioro da atención primaria e a ausencia de medidas reais para reverter unha situación que cualificou de “claramente inadmisible”. Ao seu xuízo, o Executivo do PP está a “poñer en risco a saúde dos galegos e das galegas” tras 16 anos de recortes e privatizacións.
Segundo explicou, esta situación tradúcese en urxencias colapsadas, pacientes amoreados durante días nos corredores dos hospitais e esperas de máis de tres semanas para acceder ao médico ou médica de cabeceira en moitos centros de saúde. Pontón lembrou que estas denuncias non proceden só da oposición, senón tamén dos propios profesionais sanitarios, incluídos coordinadores de urxencias, que alertan do seu esgotamento físico e mental e da falta de condicións dignas para atender aos doentes.
A líder nacionalista criticou tamén as prioridades do Goberno galego, afeándolle a Rueda que, mentres a sanidade pública atravesa esta situación límite, se dedique a facer anuncios “alleos á realidade sanitaria”, como o recente sobre os chiringuitos na costa galega.
Pontón puxo o foco na área sanitaria de Vigo, que cualificou de “especialmente preocupante”, e no propio Hospital Álvaro Cunqueiro, que malia ter custado 470 millóns de euros máis do previsto “non ten capacidade para dar resposta ás necesidades reais da poboación”. Acompañada pola portavoz parlamentaria de Sanidade, Montserrat Prado, e polo portavoz municipal, Xabier Pérez Igrexas, denunciou que o deterioro da sanidade pública responde a unha “política deliberada do PP para beneficiar á sanidade privada”.
Neste sentido, lembrou que nos últimos seis anos o número de persoas con seguro privado en Galicia medrou un 166% e que case a metade dos ingresos nos hospitais privados están financiados con recursos públicos.
As propostas do BNG
Fronte a esta situación, Pontón defendeu un paquete de medidas estruturais para recuperar a sanidade pública. Entre elas, reclamou un plan de choque para reforzar a atención primaria e recuperar os 1.650 millóns de euros recortados polo PP entre 2009 e 2025.
A portavoz nacional apostou tamén por destinar o 25% do orzamento do Sergas á atención primaria, dotala de novas especialidades como psicoloxía clínica —tendo en conta que arredor do 30% das consultas están relacionadas coa saúde mental—, acabar coa precariedade laboral e o maltrato aos profesionais sanitarios e convocar todas as prazas vacantes no sistema público de saúde.
“Desde o BNG imos defender con uñas e dentes a sanidade pública, porque defender a sanidade pública é defender a saúde dos galegos e das galegas”, concluíu.