Pontón pide a Rueda que compareza no Parlamento para explicar por que ocultou durante meses unha denuncia por agresión sexual

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou este domingo a comparecencia inmediata do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no Parlamento de Galicia para que dea explicacións sobre a ocultación dunha denuncia por agresión sexual contra o seu conselleiro do Mar, Alfonso Villares.
“É un feito gravísimo que debe ser explicado diante da cidadanía, na Cámara que representa o pobo galego”, sinalou Pontón, quen advertiu que estamos ante “unha das páxinas máis indignas da historia da política do noso País”.
A líder do Bloque referíase á despedida pública que recibiu Villares a semana pasada en San Caetano, entre “bicos e abrazos” de Rueda e o resto do seu Goberno. “É absolutamente demoledor para todas as mulleres, especialmente para aquelas que sufriron agresións ou violencia machista”, denunciou Pontón. “En lugar de poñerse do lado da vítima, o Goberno da Xunta ponse do lado do presunto agresor. Iso é gravísimo e debe explicarse”.
O BNG confía en que a Xunta de Portavoces, convocada de urxencia para este martes a petición da formación nacionalista, dea luz verde á comparecencia de Rueda no Pleno desta mesma semana. “O que lle pedimos ao señor Rueda é que dea a cara e explique por que mantivo no cargo a un conselleiro denunciado por agresión sexual”, insistiu.
Pontón fixo estas declaracións tras unha reunión coa Agrupación de Asociacións de Veciños de Ourense, na que tamén participaron Noa Presas, Iago Tabarés e Luís Seara, para analizar as deficiencias dos servizos públicos na cidade e presentar propostas do BNG.