Pontón pide a Rueda que deixe de “enganar á xente” co anuncio de 4.000 vivendas públicas e cualifícao de “bulo”

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, instou este mércores ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a “deixar de enganar á xente” co anuncio das 4.000 vivendas públicas previstas para 2028, que cualificou de “bulo” e de “anuncio fraude”. Na sesión de control, acusou ao líder do Executivo de “xogar coas ilusións das persoas” nun contexto no que máis de 22.600 cidadáns están inscritos no rexistro de demandantes de vivenda protexida.
Pontón recordou que, segundo os datos do Ministerio de Vivenda, desde que Rueda fixo público ese compromiso electoral, o Goberno galego só construíu 47 vivendas públicas, polo que, ironizou, “hoxe quedan 3.953 por entregar”. Afirmou que o presidente “sabe perfectamente que en 2028 non vai haber 4.000 vivendas novas” e acusouno de recorrer á “propaganda e manipulación” en lugar de adoptar medidas reais ante a crise de acceso á vivenda.
A portavoz nacional denunciou que co goberno do PP “se perderon 6.992 vivendas protexidas” por non exercer o dereito de compra cando saíron ao mercado e reclamou un cambio profundo de política pública. Entre as propostas do BNG, expuxo tres medidas:
Un plan de compra masiva de vivenda baleira para destinala a alugueiro, lembrando que en Galicia existen 90.000 pisos baleiros nas grandes cidades e que haberá fondos do Estado dispoñibles para iso.
A cualificación permanente da vivenda protexida, evitando que poida venderse a prezos de mercado tras 15 anos.
A compra de toda a vivenda protexida que se poña á venda, para evitar novas perdas do parque público.
Pontón acusou ao PP de elixir sistematicamente “a especulación fronte ao dereito á vivenda” e de manter Galicia “nunha indefinición calculada” mentres a crise habitacional se agrava. Recriminoulle tamén a Rueda que tente “desviar a atención con ataques persoais ao BNG” e que non dea explicacións sobre os retrasos en promocións anunciadas, como a do Castiñeiriño en Santiago.
Pecharía insistindo en que o presidente debe asumir responsabilidade política e cumprir co seu papel institucional: “O problema non é se eu lle digo presidente ou non; o problema é que vostede non exerce como presidente das galegas e dos galegos”.