Pontón pide a Rueda que deixe de ser “o comercial” de Altri ante o clamor social

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, encabezou a delegación do Bloque que participou na manifestación convocada polas plataformas Defensa da Ría de Arousa e Ulloa Viva baixo o lema “Altri non. Queremos vida, queremos futuro”, para reclamar a retirada do proxecto da macrocelulosa que a empresa portuguesa pretende instalar no corazón de Galicia.
Pontón cualificou a mobilización como unha mostra de “dignidade do pobo galego” e subliñou que o clamor social contra Altri é clave para frear un proxecto que, segundo advertiu, “hipoteca o noso futuro e ameaza ás vindeiras xeracións”. “Estamos aquí para dicir alto e claro que queremos que Altri abandone este proxecto de macrocelulosa. Altri non, Galicia si”, afirmou.
Durante as súas declaracións aos medios, a líder nacionalista criticou duramente o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ao que lle pediu que “deixe de facer de comercial dese franquismo industrial que representa Altri” e escoite á sociedade galega. “Galiciamerece industrias do século XXI que respecten o medio ambiente, non macrocelulosas contaminantes propias do pasado”, incidiu.
Pontón volveu insistir en que Altri é un exemplo máis de como o PP “goberna desde a mentira”, ao camuflar como biofábrica o que, ao seu xuízo, é unha macrocelulosa altamente contaminante. Advertiu de que o proxecto segue vivo e depende das autorizacións da Xunta de Galicia, polo que apelou á responsabilidade do Goberno galego para defender o interese xeral.
A manifestación, multitudinaria, rematou na Praza do Obradoiro, que quedou pequena para acoller as persoas chegadas desde distintos puntos de Galiciapara reclamar que se lle dea “carpetazo definitivo” ao proxecto de Altri.