Pontón pide a Rueda que rectifique e escoite á marea de dignidade que lle di: “Altri non, Galiza si”

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, encabezou a ampla representación da formación nacionalista na manifestación celebrada na Pobra do Caramiñal contra o proxecto de Altri e en defensa do futuro de Galiza. A líder do Bloque cualificou a mobilización como “masiva e histórica” e instou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a escoitar “esta marea de dignidade” e a rectificar.
“Rueda ten que deixar de lado a súa prepotencia e recoñecer que cando se trata de defender os intereses de Galiza, o goberno acerta cando rectifica”, manifestou Pontón, quen amosou o seu orgullo pola resposta cidadá ante o que considera “unha traizón do PP disposto a hipotecar o futuro do País pasando por riba da xente do rural e do mar”.
A líder do BNG criticou o que cualificou de “gran mentira” coa que o Goberno galego pretende “vender unha biofábrica que é, en realidade, unha macrocelulosa contaminante”. Ademais, volveu interpelar a Rueda: “Se este proxecto é tan beneficioso, por que non o queren en Portugal? Por que Galiza ten que asumir unha bomba ambiental que o seu propio país rexeita?”
Pontón lembrou que o apoio á iniciativa de Altri non responde a criterios técnicos, senón políticos, e acusou o PP de actuar en favor de intereses empresariais e non da cidadanía. Nese sentido, denunciou as conexións da empresa promotora co Partido Popular, como a participación da exconselleira de Medio Ambiente Beatriz Mato en Greenalia, socia do proxecto.
Tamén alertou do modelo de “franquismo industrial” que pretende recuperar o Partido Popular, comparando o caso de Altri co de ENCE na ría de Pontevedra: “Sesenta anos despois, o PP só ten como proposta repetir o mesmo modelo de macrocelulosa que xa arruinou a riqueza da Ría de Pontevedra”, denunciou.
“Non lles imos permitir que fagan o mesmo coa Ría de Arousa, nin coa comarca da Arzúa-Ulloa, nin co Río Ulla. Non imos permitir que os intereses de Altri pasen por riba da vida da nosa xente”, concluíu.