Pontón pide á Xunta que recupera a Mesa do Viño e os contratos homologados para garantir a recollida de uva

Reclama ao Executivo de Rueda unha planificación estrutural para un sector que perdeu 5.000 viticultores e 2.000 hectáreas produtivas desde 2009
ana-ponton-recollida-de-uva
2 Sep 2026

A portavoz nacional, Ana Pontón, reclamou desde Vilanova de Arousa ao Goberno de Alfonso Rueda unha planificación estrutural para o sector vitivinícola galego que acompañe o “traballo excepcional” que están realizando adegas, cooperativas e produtores e produtoras e que inclúa medidas que lles axuden a afrontar as ameazas que teñen neste momento.

Medidas entre as que citou, en primeiro lugar, que o Executivo garanta a recollida de uva a todos os produtores e produtoras. “A Xunta ten que garantir que ningún produtor vai quedar sen que se lle recolla a súa uva, esta é a primeira medida que hai que adoptar”, subliñou logo de indicar que as adegas e as cooperativas están demostrando que é posible facelo.

Así o manifestou durante a súa visita á adega Condes de Albarei no Pazo Baión, onde abordou coas e cos seus responsables -encabezados pola súa presidenta, María Dolores Calvo- os traballos e resultados da vendima e a situación dun sector que cualificou de “estratéxico para Galiza”.

Un sector, subliñou, que factura millóns de euros -máis de 200 millóns anuais só na DO Rías Baixas, que representa o 65% do total-, xera un destacado volume exportador, mobiliza a un número moi importante de persoas e permite fixar poboación no rural e manter o territorio.

Datos que, segundo recalcou, evidencian as fortalezas dun sector que, non obstante, tamén ten debilidades e ameazas, algunhas delas que -indicou- se están vendo nesta vendima, onde neste momento hai produtores e produtoras que “aínda non teñen vendida a súa uva” e “non hai a certeza de que se vai a recoller a súa totalidade”.

“Isto demostra que hai problemas estruturais que é necesario que se aborden desde o ámbito institucional, porque se a Xunta non fai o seu traballo, evidentemente quen van a acabar pagando as consecuencias son os pequenos produtores”, advertiu para reclamar ao Executivo de Rueda medidas de carácter estrutural para o sector.

Nesta liña, Pontón propuxo tamén recuperar a Mesa do Viño como espazo de participación de todo o sector para poñer en marcha unha planificación estratéxica da viticultura galega. Ademais, apostou por recuperar os contratos homologados plurianuais, o que permitiría “dar estabilidade ao sector e aos pequenos produtores”.

De igual xeito, apelou á responsabilidade directa da Xunta á hora de garantir o cumprimento da lei de cadea alimentaria, para o que reclamou que realice un estudo que permita calcular cal é o custo da produción de uva nas Rías Baixas co obxectivo de garantir que non se paga por debaixo dese custo.

Neste sentido, a líder nacionalista recordou a un Rueda que estes días destacaba que Galiza conta actualmente con 10.000 viticultores e 9.000 hectáreas dedicadas ao viño que, no ano 2009, o País tiña 16.000 viticultores e 11.000 hectáreas produtivas, é dicir, unha perda de 5.000 viticultores e arredor de 2.000 hectáreas produtivas, un dato que, segundo recalcou, confirma a necesidade de tomar medidas estruturais.

Pontón indicou neste punto que o debate a abordar non é tanto o da capacidade produtiva por hectáreas, senón cal é o modelo produtivo de futuro. “Se realmente queremos un modelo produtivo vitivinícola baseado nas cooperativas, que manteña a todas as familias que foron vivindo da viticultura e que aposte por caldos de calidade moi vinculados ao territorio ou se a aposta de futuro vai ser a de que grandes empresas que queren en moitos casos especular con os nosos dereitos de plantación, o que fagan é precisamente acaparar cada vez máis espazo”, afondou logo de recalcar a aposta do BNG polo primeiro modelo.

A portavoz do BNG sinalou a Condes de Albarei precisamente como unha “cooperativa emblemática” que pon en valor o cooperativismo como un elemento fundamental do sector. “O cooperativismo permite aunar esforzos a pequenos produtores, unha maior involucración co territorio, preservar unha parte da nosa viticultura e é tamén un emblema en todo o que ten que ver coa innovación, coa mellora das técnicas e co producir caldos de primeirísima calidade”, remarcou.

Pontón aproveitou a visita para felicitar á adega por conseguir o ouro no concurso do albariño de Cambados o que, afondou, demostra un “bo facer” que, ademais, “non é algo individual, senón o resultado do esforzo de centos de persoas que traballan nesta cooperativa”.

A líder nacionalista rematou mostrando o seu “orgullo” por un sector do viño que “está levando o nome de Galiza por todo o mundo demostrando o noso bo facer” e reclamando que “ese bo facer que teñen os viticultores, as cooperativas e as adegas estea acompañado por parte dun goberno que debe estar á altura”, concluíu.

0.34748506546021