Pontón pide concentrar no BNG o voto social e pacifista con “menos bombas e máis vivenda”

A portavoz nacional, Ana Pontón, apelou desde Pontevedra a concentrar no BNG este 29N o voto social e pacifista de todas as persoas que queren “máis gasto social e menos gasto militar”.
Pontón explicou que este 29 de novembro “tamén vai de prioridades” e de decidir en que quere a cidadanía que se gasten os recursos públicos que saen, fundamentalmente, dos impostos que pagamos todos e todas.
“E no BNG temos as prioridades clarísimas: menos tanques e máis vivenda, menos armas e máis médicos, menos bombas e máis atención á dependencia”, sintetizou nun acto de campaña xunto á cabeza de lista por Pontevedra, Carme da Silva, no que tamén participou o rexedor, Miguel Anxo Fernández Lores.
“Para todos os galegos e galegas que teñan coma nós como prioridade máis gasto social e menos gasto militar, máis paz fronte á guerra, a única opción que teñen este 29 de novembro é coller a papeleta do BNG”, proclamou.
A líder nacionalista advertiu da escalada belicista na que se atopa o mundo, un contexto no que “o propio Partido Popular é refén das políticas trumpistas”, esas dereitas, criticou, que “nin tan sequera son capaces de condenar un xenocidio tan brutal como o que se está cometendo en Palestina” e que o que defenden é que “haxa uns poucos que fagan negocio a costa da guerra”.
Mais tamén, denunciou que o goberno que se autodenominou como o máis progresista da historia “disparou o gasto militar até o máximo histórico do Estado español”, en concreto, máis de 35.000 millóns de euros en 2026, logo que enterrara 17.000 millóns na guerra de Ucraína nestes anos.
Polo tanto, remarcou, “por moito que pretendan vendernos outro relato, os feitos son os que son e o Goberno do Partido Socialista disparou o gasto militar até o 2% do PIB, mentres só destina o 0,2% a políticas de vivenda, que é a gran preocupación que hoxe teñen miles de persoas no noso País”.
Con todo o que se leva destinado a gasto militar, exemplificou, poderíase incrementar cada ano o parque público en 116.000 vivendas, poderíanse reverter os recortes aplicados en sanidade e educación, poderíase afrontar unha aposta estratéxica pola ciencia ou cumprir dunha vez por todas a lei da dependencia, “pola que tanta xente está esperando”.
A portavoz nacional denunciou como se xustifica a falta de investimento en todas estas cuestións vitais para a cidadanía na falta de recursos, mentres que “cando chega a OTAN e ordena incrementar o gasto militar, os cartos aparecen como por arte de maxia ao tempo que na política social segue habendo moitísimas necesidades que non se cobren”.
“Temos que cambiar este guión belicista, temos que cambiar as prioridades, menos gasto militar e máis gasto social e, para iso, este 29 de novembro, a alternativa é votar BNG”, apelou, para subliñar a continuación que votar ao Bloque é “defender a paz e non a guerra” e é “apostar polo gasto público social e non para destinar cartos a bombas, mísiles e tanques”.
Nesta liña, recordou que a formación nacionalista defende un novo marco de relacións non mundo “onde non se permitan atrocidades como a que está sufrindo o pobo palestino”, cun xenocidio que “a comunidade internacional é incapaz de parar” e que “é unha auténtica inhumanidade” ante a que a non se pode mirar para outro lado e que hai que seguir denunciando.
Pontón incidiu en que o gran perigo que teñen os servizos sociais e o investimento en benestar “vai a ser precisamente esta escalada belicista”. “Levamos vendo nestes últimos anos a unha Unión Europea que está incrementando o gasto militar e tamén a un Estado español que cun Goberno do Partido Socialista disparou o gasto militar aos seus máximos históricos e nós o que dicimos é que, neste momento, hai que defender a paz e outro tipo de políticas porque o que non podemos continuar é na escalada que se está vivindo”, afondou.
Logo de remarcar que as guerras son sempre un drama que sofren as persoas que as sofren nos lugares onde suceden, advertiu que as súas consecuencias tamén se fan sentir na cidadanía galega, con subidas nos carburantes, con máis inflación e cun empobrecemento da maioría social.
O que sucede mentres o goberno do Estado enterra miles e miles de euros nunhas bombas, mísiles e tanques que “para o único que serven é para alimentar toda esa industria da guerra, mentres aquí hai necesidades moi urxentes que non se están cubrindo como os gastos en sanidade, en educación ou atención a dependencia”.
Por iso, a alternativa este 29N, para quen “ve con horror o que significan as guerras e esta escalada belicista, e o papel que a OTAN está tendo no mundo, é o BNG”, recalcou Pontón, quen reafirmou o compromiso do Bloque coa paz, a cooperación internacional, o respecto á soberanía dos pobos e a resolución diplomática dos conflitos, mais tamén que os recursos que saen dos impostos téñense que destinar a mellorar a vida da xente.
Pola súa parte, Carme da Silva subliñou que a política consiste en priorizar e decidir en que se invisten os recursos públicos, e advertiu de que as decisións do Goberno estatal evidenciaron cales son as súas verdadeiras prioridades. “Non chega con dicir non á guerra. A política é priorizar, é decidir en que se invisten os recursos públicos. E este goberno, que se autodefine como o máis progresista da historia, priorizou e tomou decisións”, afirmou.
Neste sentido, criticou que o Goberno decidise incrementar en 10.400 millóns de euros o gasto militar en 2026, chegando aos 35.000 euros anuais, fronte aos apenas 15 millóns de euros de aumento das bolsas, fundamentais para garantir o acceso á educación de miles de persoas, ou aos 840 millóns para vivenda.
A cabeza de lista por Pontevedra puxo tamén o foco, na véspera do 25N, nos recursos destinados a combater a violencia machista, unha cuestión que, dixo, require compromiso político, medidas efectivas e financiamento suficiente. “Mañá, Día contra a Violencia Machista, as mulleres volveremos demostrar nas rúas que non aceptamos nin un paso atrás. E tamén é importante saber cales son os recursos públicos que se destinan para combater a violencia contra as mulleres: 35.000 millóns de euros en gasto militar fronte aos 180 millóns do Pacto de Estado contra a violencia machista”, denunciou.
A candidata do BNG reclamou que os orzamentos reflictan un cambio radical nestas prioridades: “Para o BNG é fundamental que non haxa nin un euro para a guerra e que haxa recursos para sanidade, educación, bolsas, pensións, vivenda e para combater a violencia machista. Non chega con dicir ‘non á guerra’ e obedecer á OTAN: hai que demostrar que se está contra a guerra nas decisións orzamentarias”, dixo. Neste sentido, insistiu en que os recursos públicos non poden seguir alimentando o gasto militar mentres faltan investimentos para garantir dereitos básicos e para acabar coa violencia que sofren as mulleres polo feito de ser mulleres.