Pontón pide concentrar no BNG todo o voto das persoas "que levan Galiza na cabeza e no corazón"

Néstor Rego, Carme da Silva, Olalla Rodil e Noa Presas chamaron desde Santiago a "dar un apoio masivo a Galicia"
FOTO-BNG-eleccions-santiago
27 Nov 2026

A portavoz nacional, Ana Pontón, apelou a concentrar no BNG todo o voto das persoas que levan Galiza “na cabeza e no corazón” e ir votar este 29N “con orgullo, ilusión e alegría” para facerse valer en Madrid da man da forza política que representa o “voto de País”.

“Quero pedirlle a todos os galegos e galegas que levan Galiza na cabeza e no corazón que o próximo domingo vaian votar con ilusión, con decisión e con alegría polo BNG”, animou Pontón, quen subliñou que votar ao Bloque “non é un voto a unha sigla, senón un voto de País, o voto de todos os galegos e galegas que sentimos orgullo”.

A líder nacionalista afondou en que no BNG cabe toda a xente que quere políticas avanzadas, que está farta de ver o espolio eólico do País ou que quere frear a emigración. En definitiva, recalcou, “toda a xente que sabe que os galegos e galegas temos moito por gañar se confiamos nas nosas propias forzas”.

“Por iso, este 29 de novembro temos que ir votar como galegos e galegas, collendo en masa a papeleta do BNG e apostando por que este País teña máis futuro”, apelou logo da tradicional foto de fin de campaña xunto aos cabezas de lista pola Coruña, Pontevedra, Lugo e Ourense, Néstor Rego, Carme da Silva, Olalla Rodil e Noa Presas, respectivamente.

A portavoz nacional incidiu en que un Bloque forte en Madrid é garantía de que a cidadanía galega vai ter máis posibilidades de mellorar as súas vidas e de ter un futuro prometedor e subliñou a corrente de simpatía cara ao BNG que se sente nos actos de campaña, nos repartos electorais ou nas redes sociais.

Neste sentido, indicou que a formación nacionalista chega a este último día de campaña “con moitísima forza e ilusión”, desde o convencemento de que pode ter un gran resultado este 29N e ser a forza política que máis suba para ser determinantes na política estatal e que Galiza gañe peso político nas Cortes.

“Porque un BNG forte significa que os galegos e as galegas nos fagamos valer en Madrid, que os nosos problemas teñan solucións e que neste País poidamos ter esperanza”, afirmou, convencida de que a ilusión que ten moita xente co Bloque é a que “pode mover este País”. “Esa convicción é a que pode facer que os galegos e galegas progresemos e avancemos”, subliñou.

“Por iso, este 29N hai que concentrar todo o voto galego, todo o voto da xente que leva Galiza na cabeza e no corazón, todo o voto da rebeldía, do inconformismo e da alegría na papeleta do BNG, se o facemos, o 29 de novembro teremos moitos motivos para sorrir”, concluíu.

Pola súa parte, Néstor Rego apelou tamén a concentrar todo o voto no BNG porque “é a papeleta que defende sempre a Galiza”, engadindo que “é tamén a papeleta para todas as persoas que queren seguir avanzando e non queren retrocesos”.

O cabeza de lista pola Coruña puxo de manifesto que “é a papeleta para impulsar políticas sociais e novos dereitos. É a papeleta que pode parar as dereitas reaccionarias”, indicando que “cada deputada máis para o BNG será un escano menos para a dereita involucionista e unha voz máis para defender Galiza e as maiorías sociais”.

Gañar peso político

Rego pediu confiar no BNG, “pedimos a todo o mundo, votase o que votase no pasado, que confíe no BNG” e que non fique na casa. “Votade con convicción, con confianza no país e coa certeza de que todos os galegos e galegas gañaremos”, apelou.

O cabeza de lista pola Coruña cualificou a campaña de “decisiva para o noso País” e asegurou “percibir como o BNG foi a máis”, “unha onda de simpatía e de apoio a unha forza que nunca fallou a este País”, aludindo ás mostras de acercamento social que se perciben día a día.

Nesta liña, mostrou a certeza de que “Galiza xa gañou, vai ter máis peso político en Madrid da man do BNG e imos ter unha maior capacidade de facer un traballo eficaz na defensa dos intereses do noso País”.

Facer historia

Carme da Silva destacou pola súa banda que o BNG remata a campaña electoral “coa ilusión, a enerxía e a esperanza de todas as persoas que lle queren a Galiza, que a levan na cabeza e no corazón”. Asegurou que o 29 de novembro “faremos historia” coa papeleta do Bloque, “a papeleta da esperanza, da rebeldía da mocidade e da voz e do poder das mulleres”, e chamou a transformar toda esa ilusión nunha mobilización masiva nas urnas.

“Cada escano do BNG é un escano menos para o Partido Popular e para as dereitas, pero tamén é un escano máis para que Galiza conte, para acabar coa discriminación que sofre o noso país e para que os galegos e as galegas nos fagamos valer”, subliñou, incidindo en que o voto ao Bloque é a garantía de que Galiza teña voz propia forte e capacidade de decisión en Madrid.

A cabeza de lista por Pontevedra trasladou a confianza do BNG no resultado electoral, alimentada pola enerxía que recibiu da cidadanía ao longo da campaña, en cada praza, rúa, encontro e acto, así como polo compromiso e a implicación da militancia. “Toda esa forza danos a seguridade de que o domingo faremos historia. Votando o Bloque Nacionalista Galego, votando Galiza, podemos abrir unha nova etapa na que o noso país se faga valer”, concluíu.

Unha voz propia máis forte

A cabeza de lista por Lugo pediu tamén o voto para o BNG a todas as persoas que aínda teñen incerteza na súa decisión. "O voto para o BNG na circunscrición electoral de Lugo vai ser a chave para ter a representatividade que a provincia precisa na voz do BNG" asegurou Olalla Rodil, para subliñar que o voto ao Bloque “tamén servirá para impedir que a extrema dereita e a dereita extrema cheguen ao goberno do estado”.

"Despois de campaña ilusionante onde percorrimos todas as comarcas de Lugo, confirmamos que o interior galego ten que estar representando no Congreso polo BNG" dixo Rodil, quen engadiu que "tanto Lugo como Ourense precisan unha voz forte en Madrid para defender todas aquelas cuestións que son vitais para os seus habitantes e que os representantes dos grandes partidos estatais non van nin a nomealas".

A alternativa fronte ao bipartidismo estéril

A cabeza de lista por Ourense, Noa Presas, destacou unha campaña electoral intensa e emocionante e agradeceu á militancia “que lle roubou tempo ao sono” para espallar a mensaxe do BNG demostrando que “isto non era un partido a dous, senón que do que se trata é de facer valer Galiza”.

“O útil é ir a Madrid a defender os intereses de Galiza e temos unha oportunidade de rematar con case 50 anos de bipartidismo estéril” afirmou a cabeza de lista por Ourense, facendo alusión a que este 29N especialmente Ourense e Lugo farán historia. Pediu, así, unha oportunidade “de catro anos” fronte a case medio século de bipartidismo e asegurou que “o BNG non vai defraudar”.

0.40180897712708