Pontón pide explicacións a Rueda pola improvisación na vaga de lumes e reclama un Plan Urxente de Restauración Hidrolóxico-Forestal

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, visitou hoxe o concello de Vilar de Barrio, un dos máis afectados pola vaga de incendios, onde trasladou o seu recoñecemento á veciñanza e aos equipos municipais que loitaron contra o lume cos seus propios medios. “A valentía e unión da xente foi clave para evitar unha traxedia maior”, destacou.
Pontón advertiu que esta crise “debe marcar un punto de inflexión” nas políticas forestais e de prevención, e cualificou de “irresponsable e contraditorio” que a Xunta prescindise da colaboración dos bombeiros de Lugo e A Coruña en plena emerxencia. Acusou ao Goberno de Alfonso Rueda de estar “sobrepasado, de improvisar e tomar decisións incoherentes, deixando brigadas incompletas e motobombas paradas por falta de persoal”.
A líder do BNG reclamou a posta en marcha dun Plan Urxente de Restauración Hidrolóxico-Forestal e de control da erosión, con medidas para rexenerar as árbores afectadas polos lumes e previr riscos futuros. Sinalou que, a curto prazo, cómpre introducir especies caducifolias nobres —como carballos, castiñeiros, ameneiros, pradairos, freixos, cerdeiras ou nogueiras— e romper coas masas uniformes de especies pirófitas mediante devasas.
Ademais, considerou imprescindible un plan específico contra a erosión e a contaminación de ríos e regatos, cunha execución técnica nas zonas máis sensibles debido ás fortes pendentes e á perda de cuberta vexetal, especialmente en caso de choivas torrenciais.
Pontón concluíu que “os lumes apáganse con políticas preventivas, cun monte multifuncional e cunha estratexia para revitalizar o rural, non con máis improvisación e abandono”. Para o BNG, a actual vaga de incendios debe servir para impulsar un novo modelo forestal e rural que evite repetir, ano tras ano, “a destrución que representan os lumes”.