Pontón pide unha moratoria indefinida do eucalipto e un xiro total na política forestal

A líder do BNG exemplifica en Xilonor o tipo de industria innovadora e baseada na madeira de calidade que, ao seu xuízo, precisa Galicia
Ana Ponton
Actualizada el 24 noviembre 2025, 09:52 horas
23 Nov 2025

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, defendeu en Coirós a necesidade dunha moratoria indefinida do eucalipto para impulsar un novo modelo forestal en Galicia baseado na diversidade, na sustentabilidade e na creación de valor engadido. A líder nacionalista acusou o Goberno do PP de promover unha “moratoria fake” que non garante nin a rendibilidade do monte nin a súa protección ambiental.

Pontón realizou estas declaracións tras visitar as instalacións de Xilonor, empresa especializada na produción de madeira contralaminada e considerada polo BNG como exemplo do modelo industrial ao que debería camiñar o País. Destacou o carácter innovador da compañía, a aposta pola transformación do piñeiro galego e a introdución de novos produtos no sector da construción.

“Xilonor amosa o camiño: fixar poboación no rural, innovar, deseñar e transformar madeira de proximidade”, afirmou Pontón, quen agradeceu á dirección a oportunidade de coñecer o proxecto de primeira man.

A líder do BNG insistiu en que Galiza é unha “potencia forestal” que precisa aproveitar ese potencial para xerar industria e emprego de calidade. Subliñou que o tránsito cara a un monte multifuncional, con máis silvicultura e madeiras de maior calidade, é esencial para o futuro económico e ambiental do territorio.

Como primeiro paso, reclamou unha moratoria indefinida do eucalipto que permita avanzar nun monte en mosaico, con produción de madeira apta para segundas transformacións e con maior rendibilidade a longo prazo. “O modelo do PP non é un modelo de futuro nin económica nin ambientalmente”, advertiu.

Pontón anunciou tamén que o BNG levará ao Parlamento unha batería de iniciativas para impulsar a construción industrializada con madeira galega de calidade. Entre elas, que o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) incorpore un mínimo do 20% de madeira nas construcións públicas e nas rehabilitacións financiadas pola Xunta.

Ademais, propoñerá incluír cláusulas de sustentabilidade e redución da pegada de carbono en obra pública para priorizar madeira de proximidade, así como poñer en marcha un plan de innovación coas universidades e o Colexio de Arquitectos que permita mellorar o coñecemento sobre as vantaxes da madeira e a formación de profesionais.

Estas medidas, explicou Pontón, contribuirían a dar “un xiro de 180 graos” á actual política forestal, apostando por un modelo baseado na calidade, a silvicultura e a sustentabilidade. “Hai potencial de sobra, pero é necesaria unha vontade clara do Goberno para cambiar a dirección actual”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.35047793388367