Pontón propón destinar o 1,5% do PIB, uns 1.200 M€, ás universidades para corrixir o déficit de recursos que soportan

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, propuxo en Vigo destinar o equivalente ao 1,5% do PIB galego, arredor de 1.200 millóns de euros, ás universidades públicas, co obxectivo de corrixir o déficit de recursos que soportan. Pontón destacou que o sistema universitario público é un motor fundamental para o desenvolvemento económico, social e cultural de Galicia.
“Na universidade galega non chegamos ao 1% do PIB, estamos por debaixo da media estatal e europea, e creo que o noso obxectivo debe ser situarnos entre os mellores, porque a universidade é fundamental para xerar desenvolvemento, coñecemento e para apoiar o noso tecido económico”, explicou tras reunirse co reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa. No encontro tamén participaron o portavoz municipal, Xabier Pérez Igrexas, e a deputada Alexandra Fernández.
Pontón insistiu na necesidade de reforzar o sistema universitario público, e no marco da negociación do novo plan de financiamento das universidades galegas, reclamou que se destinen máis recursos para garantir que poidan ofrecer o mellor servizo á cidadanía e ao desenvolvemento de Galicia.
Neste sentido, a líder nacionalista propuxo que non abonda con acadar o 1% do PIB, senón que o obxectivo nos vindeiros anos debe ser chegar ao 1,5%, o que permitiría corrixir o déficit histórico de financiamento que sofren as universidades. Este incremento orzamentario, avanzou, será unha das propostas clave que o BNG defenderá no Parlamento.
“Falamos de 1.200 millóns de euros destinados a formación e investigación universitaria, que son claves para o futuro de Galicia”, subliñou Pontón. Ademais, destacou que este investimento beneficiaría ao tecido económico, especialmente ás empresas que, pola súa dimensión, non poden destinar suficientes recursos a innovación e desenvolvemento. “O público pode acompañar este proceso para que reverta no benestar da maioría social”, resumiu.
Críticas á universidade privada e á política do PP
Pontón mostrou a súa preocupación polas decisións do Goberno do PP en materia universitaria e criticou ao Executivo de Alfonso Rueda por aprobar a creación dunha universidade privada e, posteriormente, permitir que se vulneren as leis ao autorizar novas titulacións duplicadas, como Dereito ou Psicoloxía.
“Non entendemos como Rueda pode avalar a creación de titulacións que xa existen no noso sistema educativo e que a lei prohíbe duplicar nas universidades privadas cando xa están na pública”, reprochou.
Por último, reafirmou o compromiso do BNG co sistema universitario público galego. “Temos claro que a universidade en Galicia é un sector estratéxico no que hai que investir máis recursos. Contamos con grandes profesores e investigadores e cun alumnado moi ben formado, que debe xogar un papel clave no desenvolvemento de Galicia”, concluíu.