Pontón propón un plan de choque de 400 millóns de euros para mellorar a situación económica

A portavoz nacionalista anuncia unha medidas para familias, autónomos e PEMES e fixa como prioridades o financiamento e a defensa do galego
bng-ana-ponton-coste-da-vida
1 Sep 2026

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, situou o custo da vida como a principal prioridade do novo curso político e propón un plan de choque de 400 millóns de euros para aliviar a situación das familias, das persoas autónomas e das PEMES.

Así o anunciou tras a primeira reunión da Executiva Nacional do BNG, na que a formación nacionalista analizou a situación que vive a sociedade galega e os retos do País cunha prioridade clara: “poñer a galegos e galegas no centro do debate político e aportar solucións aos problemas que lle afectan directamente ao seu día a día”.

Pontón advertiu de que “vivir en Galiza é cada vez máis caro” e de que os salarios e ingresos das familias “non medran ao mesmo ritmo que os prezos”. Alimentación, vivenda, electricidade, combustibles, transporte e os gastos do inicio do curso escolar están poñendo “contra as cordas” a miles de familias, así como a persoas autónomas, pequenas empresas, comerciantes e sectores produtivos.

Neste contexto, a portavoz nacional propuxo unha batería de medidas para responder a esta emerxencia económica e social, cun plan de choque de 400 millóns de euros destinado a aliviar directamente a situación das familias, das persoas autónomas e das PEMES.

No ámbito da vivenda, o BNG propón regular por lei as vivendas de uso turístico, declarar zonas de mercado residencial tensionado e establecer axudas en función da renda para facer fronte ao incremento dos alugueiros e das hipotecas.

Tamén propón un bono de transporte galego para abaratar os desprazamentos e incrementar as axudas ás familias con menos recursos para afrontar os gastos do inicio do curso, ao tempo que reclama recuperar a gratuidade dos libros de texto.

A proposta inclúe ademais axudas aos sectores económicos máis afectados pola suba dos combustibles e da electricidade e medidas de apoio ao sector agrogandeiro afectado pola seca, así como unha maior intervención pública no sector enerxético e mecanismos para limitar os prezos dos alimentos básicos e das subministracións esenciais.

“Non pode ser que cada vez que sobe o prezo da enerxía ou dos alimentos sexan as familias e as pequenas empresas as que paguen a factura”, advertiu Pontón.

Máis recursos para Galiza

A segunda gran prioridade do BNG neste inicio de curso será conseguir que Galiza teña máis recursos para poder desenvolver estas políticas. Pontón pon o foco no Consello de Política Fiscal e Financeira que se celebrará o próximo 3 de setembro e que, segundo destacou, será “un dos debates económicos máis importantes das últimas décadas”, polo seu impacto na capacidade para mellorar a sanidade, a educación, os coidados, a vivenda e os servizos públicos.

A portavoz nacionalista acusou ao Goberno do PP de desleal con Galiza por “rexeitar á quita de 4.000 millóns de euros de débeda galega” e “boicotear a transferencia da AP-9”, denunciando que “Madrid manda, Rueda obedece e Galiza perde”, fronte á aposta do BNG por unha posición de País e por unha negociación directa co Estado.

Fronte a isto, Pontón reafirmou que o BNG seguirá defendendo un concerto económico para Galiza, que permita recadar e xestionar o 100% dos recursos, cunha facenda propia, capacidade fiscal plena e unha negociación bilateral co Estado.

A terceira prioridade do BNG neste inicio de curso será a lingua galega, ante unha situación que Pontón cualificou de “emerxencia” e que atribuíu ás políticas desenvolvidas polo PP durante os últimos 16 anos e ao incumprimento do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado polo Parlamento en 2004.

O Bloque volverá emprazar a Rueda a unha reunión para abordar “un verdadeiro plan para reverter esta situación”, con medidas, orzamentos e mecanismos de seguimento. Pontón reclamou tamén a derrogación do “decreto da vergoña”, que impide o ensino en galego de materias como ciencias e matemáticas e a aprobación dun novo marco educativo que converta o ensino “nun motor de galeguización e non nun espazo de exclusión para a nosa lingua”.

Ana Pontón asegurou que o BNG afronta o novo curso político coa prioridade de poñer “no centro aquilo que debería ser a prioridade de calquera Goberno: a vida da xente” fronte a un Rueda “preocupado por ser o escudeiro de Feijóo”.

“O BNG vai estar onde sempre: ao lado das galegas e dos galegos e defendendo os intereses de Galiza”, concluíu a portavoz nacionalista.

0.34199905395508