Pontón propón unha moratoria do eucalipto até 2030 en lugar de seguir convertendo Galiza nun polvorín para beneficio de Altri

A portavoz nacional do BNG alerta de que a macrocelulosa suporía máis eucaliptización, incendios e abandono do rural, e chama a participar masivamente na mobilización da Pobra
Bng Reunion
22 Mar 2025

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, propuxo estender até o ano 2030 a moratoria na plantación de eucaliptos, como xa fixo Portugal, para frear o descontrol actual e evitar que Galiza siga converténdose nun polvorín ambiental “ao servizo de intereses empresariais como os de Altri”.

Pontón advertiu que a instalación da macrocelulosa en Palas de Rei implicaría un incremento na plantación de eucaliptos, con consecuencias directas no aumento do risco de incendios, a perda de biodiversidade e a deterioración da calidade de vida no rural. Denunciou que “Galiza xa está saturada de eucalipto”, cunha superficie plantada de 413.000 hectáreas, o 14 % do territorio, cando o Plan Forestal Galego preveía un máximo de 245.000 para 2032.

Durante unha reunión con representantes de entidades do monte e do ámbito forestal, coincidindo co Día Mundial dos Bosques, Pontón denunciou que o control dos montes galegos está actualmente en mans de tres grandes pasteiras —Ence e as portuguesas Altri e Navigator—, que operan apoiadas por portas xiratorias desde o PP, con nomes como Isabel Tocino, Carlos del Álamo ou Beatriz Mato implicados nos consellos de administración ou en empresas aliadas.

A líder nacionalista anunciou que o BNG levará ao Parlamento propostas para transformar a política forestal e avanzar cara a un modelo de monte multifuncional que xere máis riqueza e emprego, aposte pola biodiversidade e contribúa a combater o cambio climático. Entre as medidas: unha moratoria ao eucalipto até 2030, recuperación de terras agrarias ilegalmente forestadas, innovación e peche do ciclo produtivo da madeira en Galiza.

Pontón concluíu facendo un chamamento á mobilización cidadá na manifestación convocada para este sábado na Pobra do Caramiñal. “Un goberno que non escoita á súa cidadanía é un goberno que non respecta a democracia”, afirmou, convencida de que “a dignidade dun pobo vai parar a bomba ambiental de Altri”.

⚙ Configurar cookies
0.12299299240112