Pontón reclama máis medios, coordinación e un fondo urxente de 200 millóns fronte á vaga de incendios

Ana Pontón alerta da situación de emerxencia en Ourense e pide mobilizar todos os recursos, ademais dun fondo extraordinario para a recuperación social e ambiental das zonas afectadas polos lumes.
Bng
18 Aug 2025

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou hoxe no acto institucional do Día da Galiza Mártir en Poio, onde reclamou máis medios, coordinación e medidas extraordinarias para facer fronte á vaga de incendios que arrasa boa parte do país, especialmente en Ourense.

Pontón transmitiu o seu recoñecemento aos profesionais e á veciñanza que combaten o lume e amosou o seu apoio ás persoas que sufriron o avance das lapas preto das súas casas e medios de vida. “Vivimos unha auténtica situación de emerxencia e a Xunta está sobrepasada”, advertiu, reclamando a mobilización inmediata de todos os recursos dispoñibles e máxima cooperación institucional.

A líder nacionalista denunciou que “moita xente se sentiu abandonada” e que en numerosos lugares foi a propia veciñanza quen fixo fronte ás lapas. Por iso, reclamou a creación dun fondo urxente de recuperación social e ambiental de 200 millóns de euros, destinado a reparar infraestruturas municipais, indemnizar danos en vivendas, vehículos ou explotacións forestais, gandeiras e agrarias, así como á recuperación ambiental.

Pontón defendeu que esta vaga de incendios debe ser “un punto de inflexión” e non repetirse cada verán. O BNG propón catro piares para un novo rumbo:

Políticas de prevención con máis investimento, faixas de protección e planificación en zonas de risco.

Novo modelo de ordenación forestal, con montes multifuncionais e redución de eucaliptos nas áreas habitadas.

Revisión do servizo de extinción, adaptándoo aos incendios de nova xeración.

Impulso ao desenvolvemento rural e á recuperación de superficie agraria.

“Non podemos aceptar como inevitable que Galiza arda ano tras ano. Esta catástrofe debe ser o inicio dunha nova etapa para un rural vivo e con futuro”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.28284001350403