Pontón reclama nun mitin en Moaña "a forza de Galicia en Madrid" e un futuro para o marisqueo

A candidata provincial do BNG, Carme Da Silva, chama a reforzar o Bloque para rematar co ‘peloteo’ dos terreos das Raíñas
mitin-bng-moana
18 Nov 2026

A portavoz nacional, Ana Pontón, afirmou en Moaña que o BNG sae a por todas este 29N co obxectivo de incrementar a súa representación nas Cortes para darlle máis forza a Galiza en Madrid e para avanzar na conquista de dereitos sociais e dunha vida digna para todos e todas.

Pontón incidiu en que nestas eleccións Galiza xógase o seu peso político en Madrid e, por iso, apelou a concentrar todo o voto galego no BNG, a única forza política que vai facer valer os intereses dos galegos e das galegas no Estado e defender os dereitos das maiorías sociais.

“Os galegos e as galegas temos que unirnos para dicir ‘Basta xa’ de discriminación e de que nos deixen atrás e facernos valer coa papeleta do BNG”, proclamou xunto á cabeza de lista por Pontevedra, Carme da Silva, no mitin nacional de campaña en Moaña no que tamén participaron a rexedora, Leticia Santos, e o candidato ao Senado, Kevin González.

Trátase, afondou, de ter voz propia e con máis forza para avanzar en solucións aos problemas da cidadanía galega e para ter os investimentos, as infraestruturas e os servizos que o País merece, un compromiso inquebrantable do BNG con Galiza e a súa xente que confrontou a un bipartidismo PP-PSOE que só se acorda dos galegos e das galegas cando hai un proceso electoral.

“Trátase de estar con máis forza para deixar claro que a enerxía ten que servir para crear riqueza aquí, que non imos ser a colonia enerxética de Madrid, de defender o noso territorio, de frear proxectos destrutivos como Altri ou a megaminería, de dicir que queremos tren de cercanías ou de reclamar máis investimento”, exemplificou.

A líder nacionalista reivindicou ao Bloque como garantía na defensa dunha vida digna para a maioría social e apelou a trasladar o espírito das grandes mobilizacións galegas do 11N ás urnas da man dun BNG que traballa polo dereito á vivenda fronte á especulación, en contraposición a un PP que en 17 anos de goberno dinamitou a política social de vivenda en Galiza e paralizou a construción de vivenda pública.

Pontón criticou a Núñez Feijóo que pretenda presentarse agora como o gran salvador das políticas de vivenda: “O mesmo Feijóo que paralizou a construción da vivenda pública, que favoreceu a especulación e tomou medidas que claramente sacaron do mercado a moitas vivendas en alugueiro, favorecendo as vivendas de uso turístico”, remarcou.

A portavoz do BNG ironizou sobre cales son as receitas que realmente propón neste momento o agora candidato do PP á Presidencia do Goberno central porque “leva un programa que di que vai construír un millón de vivendas públicas e ao día seguinte di que non leva iso no programa”.

A Feijóo sóbranlle as políticas sociais de vivenda, afondou, porque a súa estratexia é seguir facendo negocio cun dereito básico, como fixo en Galiza, onde entregou só 15 vivendas en alugueiro, recordou.

Polo tanto, incidiu, “se queremos políticas valentes de vivenda o próximo 29 de novembro hai que concentrar o voto no BNG, facer que este País se faga valer e defender os dereitos da xente, da maioría social”, sintetizou.

A portavoz nacional criticou un modelo cuestionado cada vez por máis xente, que crea máis desigualdade e pobreza, entre clases sociais, pero tamén entre pobos. Neste sentido, recordou que todas as nacións e territorios perderon peso relativo na riqueza do conxunto do Estado salvo Madrid, o que evidencia o deseño centralista do Estado que apelou a romper votando ao Bloque.

Pontón tamén advertiu sobre un contexto de involución a nivel internacional marcado polas guerras e os xenocidios, no que se impoñen discursos de odio e no que se cuestionan os avances sociais que tanto custou conquistar, mentres se aumenta o gasto militar. Neste punto, recordou que o gasto militar do Estado xa absorbe 35.000 millóns, mentres que o previsto para políticas de vivenda só ascende a 840 millóns.

“É dicir, 25 veces máis para armas que para políticas de vivenda”, reprochou, para remarcar a continuación que, fronte á escalada belicista, o Bloque ten moi claras as súas prioridades: a vivenda como un dereito e non como un luxo, salarios e pensións dignas, servizos públicos fortes e emprego de calidade.

Por iso, apelou a “votar con ilusión” ao BNG para que Galiza gañe peso político en Madrid, tamén coa cabeza de lista por Pontevedra ao Congreso, Carme da Silva, e para defender unha vida digna para todos e todas.

Máis forza para solucionar os reais problemas da xente

Pola súa parte, Da Silva incidiu no dereito de Galiza a facerse respectar e decidir sobre o seu futuro fronte ao centralismo madrileño e á discriminación do bipartidismo co País e puxo sobre a mesa problemas que afectan directamente á veciñanza de Moaña e cuxas solucións nunca chegan porque non son prioridade para os partidos estatais.

Fronte a ese abandono, apelou ao orgullo de País e á necesidade de conseguir un BNG máis forte en Madrid, con capacidade para negociar, condicionar as decisións e facer valer os intereses das galegas e dos galegos.

A vivenda foi unha das cuestións centrais da intervención, na que a cabeza de lista ao Congreso por Pontevedra denunciou o abandono que sofre Moaña arredor dos terreos das Raíñas tanto por parte da Xunta como do Estado.

A candidata criticou que ambas institucións se desentendan de ofrecer unha solución para a creación de vivenda pública e se pasen as responsabilidades dunha a outra mentres a veciñanza continúa sen respostas.

Neste sentido, defendeu que a Sareb, propietaria dos terreos, debe cedelos gratuitamente ao Instituto Galego de Vivenda e Solo sen trasladar ao Concello uns custos e unhas responsabilidades que non lle corresponden. Da Silva cuestionou que, mentres a Xunta promove actuacións noutros municipios, en Moaña non dá os pasos necesarios para desbloquear unha solución.

A candidata nacionalista tamén puxo o foco na situación do marisqueo e no deterioro das rías galegas, unha problemática que afecta directamente a centos de persoas que viven do mar na comarca.

Por iso, reclamou un Plan de Estado para avaliar a situación das rías, identificar as causas da perda de produtividade e actuar sobre os problemas que están a comprometer o futuro da actividade marisqueira.

Un plan, dixo, con financiamento e compromisos concretos que permita reforzar o saneamento, recuperar os bancos e garantir o apoio ás persoas traballadoras do sector mentres non se recupera a actividade garantindo os seus dereitos laborais. “Non podemos permitir que o marisqueo tradicional acabe sendo unha actividade residual. Temos que coidar das rías e apoiar a quen vive do mar con solución propias, centradas na nosa singularidade”, defendeu.

Carme da Silva vinculou estas dúas reivindicacións coa necesidade de que Galiza poida decidir sobre os seus propios recursos e prioridades. Por iso chamou a mobilizarse desde o orgullo de País votando ao BNG para levar a Madrid as necesidades reais dos concellos e para converter as reivindicacións en avances concretos. “Precisamos máis forza para que Galiza se faga respectar, para que a súa voz conte e para que ninguén decida por nós”, concluíu.

2.9035859107971