Pontón reclama todos os recursos dispoñibles para frear a vaga de incendios e un cambio estrutural na política forestal

Ana Pontón urxe poñer todos os medios para frear unha das maiores catástrofes da historia recente de Galiza. A portavoz nacional do BNG visitou A Mezquita, onde denunciou a falta de previsión da Xunta e reclamou un cambio estrutural nas políticas forestais e de prevención.
ana Ponton Incendeios
19 Aug 2025

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, visitou hoxe as zonas máis afectadas polos incendios en Ourense, concretamente no concello da Mezquita, onde cualificou a situación de “crítica e dramática”.

“Estamos ante os maiores lumes da nosa historia e a prioridade absoluta neste momento ten que ser apagar o lume canto antes”, subliñou Pontón, quen alertou de que xa ardeu o 8% da superficie da provincia de Ourense.

A líder nacionalista denunciou que a Xunta está “desbordada e sen capacidade de anticipación”, ao non prever nin preparar un dispositivo suficiente para afrontar a emerxencia. “O que hai é unha falta de medios e unha grave descoordinación, cando o fundamental sería ter todos os recursos dispoñibles e unha organización eficaz para evitar que o lume siga avanzando”, asegurou.

Pontón trasladou o seu recoñecemento a todas as persoas que están a loitar contra os incendios: desde o persoal dos dispositivos de extinción até alcaldes, alcaldesas e veciñanza que tiveron que enfrontarse ás lapas “coas súas propias mans ante a falta de medios”.

A portavoz do BNG advertiu de que esta traxedia non pode quedar esquecida unha vez chegue o inverno, senón que debe marcar un punto de inflexión cun maior investimento en prevención, unha mellor ordenación do territorio, plans específicos para zonas recorrentes en incendios e medidas urxentes de recuperación para as áreas arrasadas.

Reclamou tamén un cambio de rumbo na política forestal e na xestión do rural, apostando por un monte multifuncional e non baseado en especies pirófitas que agravan os incendios.

Finalmente, Pontón subliñou que, ademais de sufocar os lumes, será necesario abrir un debate sobre as responsabilidades políticas pola mala xestión da vaga de incendios e a falta dunha política preventiva real por parte do PP. “O urxente agora é poñer todos os medios e lograr a máxima coordinación para que acabe este pesadelo que tantas comarcas galegas están a sufrir”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.30498194694519