Pontón reclama un fondo urxente de 200 M€ e unha nova estratexia para un rural vivo

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou á Xunta a creación dun fondo urxente de recuperación social e ambiental, dotado con 200 millóns de euros, para actuacións inmediatas nas zonas afectadas pola vaga de lumes que arrasou xa 22.000 hectáreas en Galicia, especialmente nas comarcas ourensás.
Tras reunirse en Ourense con cargos institucionais do BNG para analizar a situación, Pontón pediu unha resposta “á altura da gravidade” desta catástrofe ambiental, social e económica, que deixou centos de persoas desaloxadas, vivendas destruídas e catro brigadistas hospitalizados.
O fondo que propón incluiría reparación de infraestruturas, indemnizacións pola perda de bens privados, axudas a explotacións forestais, agrarias e gandeiras afectadas, así como accións de recuperación ambiental. “Hai recursos do fondo de continxencia e tamén dos que quedan sen executar ano tras ano”, subliñou.
Pontón reclamou que esta vaga de lumes sexa “un punto de inflexión” e acusou ao presidente Rueda de “esconderse en teorías falsas” sobre tramas incendiarias. Para a líder nacionalista, os incendios son “síntoma dunha política de abandono do rural e dun modelo fracasado” que, combinado co cambio climático, o despoboamento e a mala xestión forestal, xera incendios de magnitude histórica.
Defendeu “novas estratexias” adaptadas a un rural distinto ao de hai décadas, con políticas que revitalicen o territorio e fomenten empresas comprometidas con el. Apostou pola prevención, con máis investimento en faixas de protección, cortalumes naturais, pastoreo, planificación nas zonas de risco e reordenación forestal para un monte multifuncional que combine usos forestais e agrarios.
Pontón advertiu de que estas medidas chocan cos plans do PP, cos recortes da PAC e coa desaparición de fondos europeos de desenvolvemento rural. “Como País, temos que decidir se queremos armamento ou labregos e labregas que coiden o territorio”, afirmou.
A portavoz nacional insistiu en que a prioridade actual é frear os lumes, para o que pediu máxima coordinación institucional e todos os medios dispoñibles. Recoñeceu o labor de brigadas, servizos de emerxencias, Protección Civil e particulares, así como dos alcaldes e alcaldesas implicados, e enviou unha mostra especial de ánimo aos brigadistas hospitalizados e ás persoas afectadas.