Pontón reproba uns orzamentos "que baixan impostos aos máis ricos e dan migallas ás maiorías sociais"

Critica unhas contas que non solucionan os problemas da xente e cuxa “miserenta” rebaixa de 0,25 puntos no IRPF só supón un aforro de entre 3 e 12 €/mes
ana-ponton-parlamento
19 Oct 2026

A portavoz nacional, Ana Pontón, reprobou o proxecto de orzamentos para 2027 presentado polo Executivo de Alfonso Rueda, xa que non dá resposta aos problemas dos galegos e das galegas, como a vivenda, a suba dos prezos ou o deterioro dos servizos públicos, pero, sen embargo, desenvolve unha política fiscal que avanza nos seus “agasallos fiscais para os máis ricos” e só ofrece “migallas” ás maiorías sociais.

Pontón recordou que os impostos son un mecanismo que teñen que servir para avanzar en igualdade e financiar servizos públicos aplicando un citerior de sentido común que é que “quen máis teña, pague máis”. Sen embargo, denunciou, “o que está facendo Rueda é aplicar “agasallos fiscais para os máis ricos e migallas para o resto”, o que exemplificou no IRPF.

Neste sentido, criticou ao titular do Executivo que a súa “gran medida” para as familias que están afogadas coa suba dos prezos sexa a “miserenta resposta” de rebaixar 0,25 puntos o IRPF, o que na práctica supón un recorte de impostos que, non mellor dos casos, se sitúa entre os 3 e os 12 euros ao mes, nun momento no que os prezos están disparados, con Galiza coa inflación anual no 5%, co maior incremento da inflación de todo o Estado.

“Isto significa para rendas inferiores a 13.000 euros unha rebaixa de 2,7 euros ao mes e, no caso de rendas de até 60.000 euros, estamos falando de 12 euros ao mes; alguén pensa que unha rebaixa de 2,7 euros ao mes lle pode axudar ás familias deste País a encher o carro da compra?”, cuestionou.

Unha política que, lamentou, Rueda tamén traslada ás pensións non contributivas, as máis baixas de todas que son especialmente relevantes en Galiza. “Coa que está caendo, a gran medida do Partido Popular é aumentalas 2,5 euros ao ano, aquí parece que Rueda lle está tomando a dianteira a Feijóo neses sacrificios que vai pedir aos pensionistas en Galiza”, advertiu.

A líder nacionalista lamentou que, mentres “reparte migallas entre os que teñen menos”, o presidente da Xunta “perdoa millóns de euros aos millonarios”, concretamente ás 7.000 persoas que teñen máis patrimonio no País.

Mais estes orzamentos, afondou, tamén volven recoller beneficios para o lobby eléctrico, como por exemplo no canon eólico, dado que os parques que se están repotenciando ou se van repotenciar van a pasar de ter que pagar 1,6 millóns de euros polo canon a 125.000 euros.

“Cando sobe o recibo da luz, dos combustibles e da cesta da compra e todo isto está afogando ás familias, é un insulto que o Partido Popular siga baixándolle impostos aos que máis teñen e ás eléctricas”, recriminou.

Pontón recordou que outro dos grandes problemas da xente e ao que o PP tampouco ofrece solución é a vivenda, cuestión á que nos orzamentos de 2027 responde tamén beneficiando a uns poucos. “Aí están as novas rebaixas de impostos ás construtoras que se suman ás que xa fixo o Partido Popular nos últimos anos, pero o que non vemos son medidas reais para que a xente que hoxe non pode pagar un alugueiro poida facelo”, lamentou.

Nesta liña, recordou que a construción de nova vivenda pública non soluciona o problema do “aquí e agora na vivenda”, dado que leva moitos anos, mesmo nalgunhas promocións até unha década. Por iso, avanzou que o BNG vai reclamar unha partida de 240 millóns de euros para a compra pública de vivenda xa construída, o que permitiría mobilizar 1.400 vivendas en réxime de alugueiro.

En canto aos servizos públicos e as políticas sociais, denunciou, por unha banda, que a atención primaria continua cun recorte acumulado de 1.500 millóns de euros, o que inevitablemente provoca que o mantemento das listas de espera para acudir a un médico ou médica de cabeceira, e, por outra, que o PP “pisa o acelerador á hora de descargar os coidados sobre as familias, en particular sobre as mulleres”.

“Rueda presenta unhas contas públicas que superan os 15.000 millóns de euros pero, en lugar de asumir as súas responsabilidades e garantir un modelo público de coidados, o que fai é privatizar residencias e estender ese cheque-esmola de 400 euros para que sexan as nais, as fillas ou as netas as que se fagan cargo de atender ás persoas maiores”, afeou.

A portavoz nacional tamén criticou que nas contas xerais para o ano que vén o pago da débeda pública marca un novo récord con 1.931 millóns de euros, converténdose así na “terceira consellería da Xunta”, cun gasto que supera ao destinado a política social, cultura, pesca, agricultura, preservación do medio ambiente e mesmo vivenda.

“E por riba, Rueda permítise o luxo de rexeitar a quita de 4.000 millóns de euros que negociara o BNG co Goberno central e aínda o temos que aturalos dicindo que son grandes xestores que non gastan o que non teñen”, reprobou.

Por último, Pontón referiuse á Lei de acompañamento dos Orzamentos, unha “coladeira” na que o PP “cambia pola porta de atrás” normativas que “favorecen aos de sempre”, como o lobby eléctrico, a megaminería e todo o que signifique recortar na protección do territorio porque, reprochou, “o que quere o Partido Popular é favorecer o espolio dos recursos naturais por parte das grandes multinacionais”.

Nesta “lei-coladeira”, afondou, vai “a tradución do pacto vergoñento entre Partido Popular e Partido Socialista en contra da lingua”, e que nesta lei se certifica o que xa denunciou o BNG, que se cambia a lista de materias prohibidas para impartir en galego no ensino. “Se antes eran matemáticas ou física, agora poden ser bioloxía ou historia, polo tanto, o gran avance dese acordo é cambiar as materias da lista negra de prohibicións”, sintetizou, para remarcar a continuación que, ademais, o “gran apoio que vai ter a lingua o próximo ano” materialízase nunha partida orzamentaria que pasa de 13 millóns a tan só 14,6, despois de anos e anos de recortes.

“En definitiva, as contas que nos presenta o Partido Popular non van significar unha mellora da vida da xente e Rueda volveu presentar uns orzamentos que benefician a unha minoría e deixan tirada á gran maioría social deste País”, concluíu.

0.47707605361938