Pontón reta a Rueda a aceptar unha comisión de investigación sobre a crise incendiaria e pide mudar a política forestal

A portavoz nacional do BNG visitou o monte Tomba en Pontevedra, onde defendeu que “outra política forestal é posible” e instou á Xunta a asumir responsabilidades polos incendios que queimaron 140.000 hectáreas en agosto.
Ponton Bng
20 Sep 2025

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, emprazou este venres ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a aceptar no Parlamento a creación dunha comisión de investigación sobre a xestión da crise incendiaria do verán. Pontón defendeu que é necesario analizar “que fallou na nefasta xestión” para aprender dos erros e cambiar de rumbo nunha política forestal que protexa Galiza do lume.

“Os galegos e galegas merecen saber por que, mentres ardía Galiza, Rueda estaba na praza de touros de Pontevedra, por que non había persoal suficiente nin recursos necesarios ou por que mentres as lapas chegaban ás casas había motobombas paralizadas”, afirmou.

A nacionalista visitou o monte Tomba acompañada do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, para coñecer o programa Monte Vivo, co que o concello promoveu a plantación de 400.000 árbores non pirófitas a través das comunidades de montes. Pontón salientou que este modelo demostra que “outra política forestal é posible” fronte a un PP que “leva 35 anos convertendo os montes nun polvorín ao servizo das macrocelulosas contaminantes como Ence ou Altri”.

A líder do BNG sinalou que os incendios son “o maior problema ambiental de Galiza”, lembrando que só en agosto se queimaron 140.000 hectáreas e houbo centos de persoas desaloxadas. Criticou que o dispositivo antiincendios conte con menos medios que hai 16 anos, malia a maior gravidade da crise climática.

Ademais, destacou como exemplo positivo a xestión forestal en Pontevedra con plans veciñais, parques forestais en Fracha, Verducido e Tomba (525 hectáreas en total) e sendas verdes polas veiras dos ríos.

Gaza no foco político

Tras a visita, Pontón participou en Pontevedra nun minuto de silencio contra o xenocidio en Gaza convocado pola Fegamp. Aproveitou para reclamar a Rueda que rectifique e condene a masacre, criticando o boicot do PP a declaracións institucionais no Parlamento.

Adiantou que o BNG levará ao próximo Pleno unha proposición non de lei para condenar “con rotundidade” o xenocidio, pedindo á comunidade internacional que rompa relacións diplomáticas e económicas con Israel, embargue armas e actúe con contundencia. “Todas as voces debemos posicionarnos de maneira clara”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.36985802650452