Pontón suspende con rotundidade a xestión de Rueda en 2025: “O seu goberno fai que os galegos e as galegas vivan peor”

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, cualificou de “rotundo suspenso” a xestión do Goberno de Alfonso Rueda durante o ano 2025, un exercicio que marca o ecuador da lexislatura e que, ao seu xuízo, deixa Galiza “nunha peor situación”.
“A primeira conclusión deste balance de 2025 é que o Goberno de Rueda fai que os galegos e as galegas vivan peor”, sintetizou Pontón durante un balance político realizado en Santiago, no que denunciou o deterioro das condicións de vida da cidadanía.
A líder nacionalista sinalou como principais problemas a imposibilidade de acceder a unha vivenda digna, que cualificou de “misión imposible” para milleiros de persoas, así como o deterioro da sanidade pública, con listas de espera crecientes, caos nas urxencias hospitalarias, operacións aprazadas e unha atención primaria cada vez máis tensionada. Neste ámbito, lembrou que máis de 11.000 nenos e nenas carecen de pediatra e advertiu da situación “precaria” da saúde mental.
Pontón tamén puxo o foco na atención á dependencia, cualificando 2025 como un annus horribilis pola sucesión de escándalos en residencias de maiores, que, segundo dixo, evidencian “o fracaso do modelo privatizado” impulsado polo PP, así como as duras condicións laborais das traballadoras e o colapso do Servizo de Axuda no Fogar.
No plano económico, criticou que Galiza continúe por debaixo da media estatal en salarios e pensións, mentres o custo da vida segue aumentando sen que a Xunta adopte “ningunha medida real” para facilitar que as familias cheguen a fin de mes.
A portavoz do BNG foi especialmente dura coa xestión dos incendios forestais, lembrando que 2025 estivo marcado polos maiores lumes da historia de Galiza. Denunciou a “neglixencia política” do Executivo autonómico, acusando a Rueda de pretender tapar responsabilidades con ceses de cargos intermedios sen cambiar unha política forestal baseada, segundo dixo, na eucaliptización e no abandono do rural.
Pontón advertiu tamén da “submisión de Rueda ao PP de Madrid”, poñendo como exemplo o rexeitamento á quita de 4.000 millóns da débeda negociada polo BNG, unha decisión que, ao seu entender, prexudica gravemente os intereses do país. “Madrid manda, Rueda obedece e Galiza perde”, resumiu.
Xunto a isto, denunciou a situación de emerxencia lingüística do galego, a manipulación dos medios públicos, que cualificou de “TelePP”, e un estilo de goberno instalado “na crispación, no bulo e na propaganda” para ocultar a falta dun proxecto de país.
De cara a 2026, Pontón avanzou que o BNG continuará actuando como goberno alternativo á “desfeita do PP”, defendendo os intereses das galegas e dos galegos e demostrando que “hai outra forma de facer política e outra Galiza posible”.