Pontón suspende a xestión de Rueda en 2025: “O seu goberno fai que os galegos e as galegas vivan peor”

A portavoz nacional do BNG denuncia que o ano pecha con máis dificultades para acceder á vivenda, deterioro na sanidade e na dependencia e salarios e pensións por debaixo da media, e acusa á Xunta de crispación e propaganda
Ana Ponton
2 Jan 2026

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cualificou de “rotundo suspenso” a xestión do Goberno de Alfonso Rueda en 2025, ano que marca o ecuador da lexislatura e no que, ao seu xuízo, Galiza queda “nunha peor situación”. “A primeira conclusión deste balance de 2025 é que o Goberno de Rueda fai que os galegos e as galegas vivan peor”, afirmou.

Pontón fixo balance en Santiago e asegurou que a cidadanía está peor “no acceso á vivenda, no acceso á sanidade ou no que se refire ao coidado das persoas maiores”, ao tempo que cada vez máis xente ten máis difícil chegar a fin de mes polo incremento do custo da vida, “sen que o Goberno do PP tome unha soa medida” para corrixilo.

Sobre vivenda, a líder nacionalista cualificou de “misión imposible” acceder a unha vivenda digna para milleiros de persoas e acusou ao Executivo galego de vetar propostas do BNG para conter prezos a curto prazo, como a declaración de zonas tensionadas, o control das vivendas de uso turístico ou a compra masiva de vivenda pública para alugueiro a prezos accesibles. Denunciou que o PP pretende tapar “a súa neglixencia con propaganda, mentiras e anuncios que nunca se van cumprir”, tras “16 anos de desmantelamento” das políticas sociais de vivenda.

En materia sanitaria, advertiu dun ano que remata con “caos nas urxencias hospitalarias”, operacións aprazadas e axendas pechadas en Atención Primaria durante semanas, ademais de listas de espera que “non deixan de medrar”, 11.000 nenos e nenas sen pediatra e unha situación “precaria” na saúde mental. Tamén criticou as consecuencias das privatizacións e puxo exemplos como o sobrecusto de 470 millóns pola construción privatizada do hospital Álvaro Cunqueiro ou a situación de máis de 110.000 persoas na área sanitaria de Vigo vinculadas a Povisa.

No eido dos coidados, definiu 2025 como un annus horribilis pola sucesión de escándalos en residencias, que, segundo dixo, evidencian o fracaso do modelo privatizado e unhas condicións laborais “durísimas e precarias” das traballadoras. Engadiu que o PP ten colapsado o Servizo de Axuda no Fogar, “dando largas, incumprindo promesas e sobrecargando os concellos”.

Pontón subliñou tamén que Galiza segue por debaixo da media en salarios e pensións mentres o custo da vida sobe, e insistiu en que “en todos os ámbitos importantes para a vida das persoas” a situación é peor.

En clave ambiental, lembrou os maiores incendios da historia e acusou o Executivo de incompetencia e de fracasar na política forestal, sinalando o abandono do rural e a eucaliptización. Criticou que Rueda pretenda tapar a súa “neglixencia política” con ceses de cargos intermedios sen mudar as políticas de fondo.

A portavoz nacional do BNG tamén denunciou a “submisión” de Rueda ao PP de Madrid, citando o boicot á quita de 4.000 millóns da débeda negociada polo BNG, e resumiu: “Madrid manda, Rueda obedece e Galiza perde”. Ademais, alertou da situación do galego, que cualificou de emerxencia lingüística, e acusou ao Goberno de impulsar medidas de desprotección.

Pontón afirmou que o ano deixa un Executivo instalado “na crispación e no bulo” e cargou contra a manipulación dos medios públicos e a falta de consensos no Parlamento. De cara a 2026, avanzou que o BNG seguirá actuando como alternativa de goberno: “Somos a alternativa para mellorar a vida das galegas e dos galegos”.

No tramo final, referiuse tamén á situación na Deputación de Lugo e reiterou que o BNG non participará en gobernos con persoas acusadas de acoso sexual, pedindo que José Tomé entregue a súa acta por “dignidade” e respecto ás mulleres.

⚙ Configurar cookies
0.29586791992188