‘Por un Monte Galego con Futuro’ chama a protestar contra a política forestal do PP este xoves

A plataforma convoca 26 concentracións en vilas e cidades galegas para denunciar que a política forestal do PP “queima os montes e as casas” e reclamar unha moratoria indefinida ao eucalipto.
Concentracion lume
20 Aug 2025

A plataforma ‘Por un Monte Galego con Futuro’ convoca este xoves 21 de agosto mobilizacións en todo o país para denunciar que a vaga de incendios que sofre Galiza é consecuencia directa da política forestal do PP. O lema escollido para as protestas resume a denuncia: “queima os nosos montes e as nosas casas”.

A CIG, que forma parte da plataforma e que impulsou a iniciativa, fai un chamamento á cidadanía a participar nas 26 concentracións previstas en vilas e cidades galegas a partir das 20:00 horas.

As protestas queren evidenciar que, xunto á mudanza climática e o abandono do rural, a aposta polo monocultivo de especies de crecemento rápido é unha das principais causas das vagas incendiarias. Neste contexto, e ante o remate da moratoria para novas plantacións de eucalipto o 31 de decembro, reclaman unha moratoria indefinida, segundo sinalou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.

A plataforma tamén denuncia que o PLADIGA, o Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galiza, “é unha ferramenta inútil” aprobada sen consenso no Consello Forestal, deixando fóra organizacións e entidades representativas do monte.

Ademais, aproveitarán as concentracións para expresar a solidariedade coas persoas afectadas polos lumes e co colectivo de profesionais de prevención e extinción, que, aseguran, seguen a traballar en condicións de precariedade e falta de medios. Reclaman a creación dun Servizo Público de Bombeiros/as Forestais co tamaño suficiente para dar resposta á realidade actual.

A proposta dunha verdadeira política preventiva pasa, segundo a plataforma, por un monte multifuncional e sustentábel, coa implicación da veciñanza comuneira e das persoas titulares. Por iso demandan que a Consellaría do Medio Rural recupere as liñas de axuda á valorización integral do monte e as Unidades de Xestión Forestal (UXFOR).

LUGARES DAS CONCENTRACIÓNS (21 de agosto, 20:00h salvo indicación)

A Coruña (Obelisco)

Allariz (Campo da Barreira)

Betanzos (Praza da Constitución)

Cangas (diante do Concello, 20:30h)

Carballo (Praza do Concello)

Celanova (Praza Maior)

Compostela (Praza Roxa)

Ferrol (Edificio da Xunta)

Lalín (Praza da Igrexa, 20:30h)

Lugo (Edificio da Xunta)

Melide (Praza do Convento)

Monforte (Praza de España, 20:30h)

Monterroso (diante do Concello)

Noia (diante do Concello)

O Porriño (Multiusos de Torneiros)

Ourense (Praza Maior)

Padrón (diante do Concello)

Ponte Caldelas (Alameda)

Pontevedra (Praza da Peregrina)

Ribadeo (diante do Concello)

Ribeira (Praza do Concello)

Verín (Praza do Concello)

Vigo (Farol de Urzaiz)

Vilagarcía (diante do Concello)

Vilalba (Praza da Constitución, 20:30h)

Viveiro (diante do Concello)

⚙ Configurar cookies
0.21485686302185