Premiados sete centros educativos galegos pola promoción do cooperativismo e a economía social

Os galardoados están situados nos concellos de Moaña, Barreiros, Fene, Sanxenxo, Vigo e A Coruña e serán recoñecidos con contías que oscilan entre os 1.500 e os 4.500 euros
estudantes-usc-recurso
5 Jun 2026

Un total de sete centros educativos galegos foron recoñecidos nos premios Cooperativismo no ensino 2026, unha iniciativa da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destinada a promover entre o alumnado os valores e principios do cooperativismo e da economía social. A resolución do certame publícaa hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG).

Os centros premiados, situados nos concellos de Moaña, Barreiros, Fene, Sanxenxo, Vigo e A Coruña, recibirán galardóns nas distintas modalidades do concurso, que abrangue desde a educación infantil e primaria ata a formación profesional e as ensinanzas de réxime especial.

Esta convocatoria, que se convoca conxuntamente cos Premios á Cooperación — que recoñecen o labor, traxectoria e compromiso das cooperativas galegas e cuxa resolución se publicará proximamente—, ten como obxectivo fomentar entre a comunidade educativa valores como a colaboración, a participación, a solidariedade, a responsabilidade compartida e o emprendemento colectivo.

O concurso inclúe diferentes modalidades dirixidas ao alumnado de Educación Infantil, Primaria, Secundaria Obrigatoria e Educación Especial, así como aos estudantes de FP e de Ensinanzas de Réxime Especial. Os premios están dotados con contías que oscilan entre os 1.500 e os 4.500 euros, segundo a modalidade.

Na modalidade de actividades artísticas, os premios das distintas categorías recaeron no CEIP Plurilingüe Domaio, de Moaña (Pontevedra). O centro resultou gañador no segundo ciclo de Educación Infantil co traballo O pobo maia. Pingas de cooperación; en primeiro e segundo de Educación Primaria con Aprendemos de Xapón. Exemplo de cooperación; en terceiro e cuarto de Primaria con Cooperación. Pequenas accións que moven o mundo; e en quinto e sexto de Primaria grazas ao proxecto NeuroRoma: conexións cooperativas.

Os áccesits recaeron en tres centros educativos. O CEIP San Miguel Reinante, de Barreiros (Lugo), obtivo este recoñecemento nas categorías de segundo ciclo de Educación Infantil, con A comunidade do xeo, e de primeiro e segundo de Primaria, con O barrio cooperativo. Pola súa banda, o CEIP Plurilingüe Os Casais, de Fene (A Coruña), foi distinguido en terceiro e cuarto de Primaria polo traballo Cooperando por un patio feliz, mentres que o CPR Plurilingüe Abrente de Sanxenxo (Pontevedra) – Adigna S. Coop. Galega recibiu o áccesit correspondente á categoría de quinto e sexto de Primaria por Sementando novas voces.

Na modalidade de actividades cooperativizadas, dirixida ao alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria e Educación Especial, o proxecto gañador foi Creamos xogos na carpintería, presentado polo CEIP Plurilingüe Santa Mariña, de Vigo.

Tanto na modalidade de actividades artísticas como na de actividades cooperativizadas, os centros deberán empregar o importe dos premios para a adquisición de material didáctico, audiovisual, informático ou deportivo, ou ben para o desenvolvemento de actividades formativas, culturais ou deportivas dirixidas ao seu alumnado.

Por último, na categoría de proxectos empresariais cooperativos, destinada ao alumnado de FP e de Ensinanzas de Réxime Especial, o premio ao mellor proxecto recaeu en Biocaba, promovido polo alumnado do CPR Nebrija Torre de Hércules da Coruña. O áccesit foi para Refuxo, iniciativa do alumnado do CIFP Someso, tamén da Coruña.

Ambas propostas poderán incorporarse aos programas de emprendemento na economía social e mentorización que impulsa a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración a través da Rede Eusumo e da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego.

0.29789113998413