Premios para 21 centros pola súa convivencia escolar e inclusión


O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, entregou esta mañá os galardóns da edición 2025 dos premios Tolerancia cero fronte ao acoso escolar, ConVivimos de convivencia e benestar emocional e Boas prácticas de educación inclusiva. Con eles, a Xunta recoñece o traballo dun total de 21 centros e unha aula hospitalaria nestes eidos, que son prioritarios nas políticas educativas do Goberno galego.
O titular do departamento educativo da Xunta, que estivo acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, felicitou os centros premiados pola súa implicación no desenvolvemento de proxectos en prol da eliminación da lacra do acoso escolar, para reforzar o bo clima das aulas e para que cada alumno poida desenvolver ao máximo as súas capacidades independentemente das súas circunstancias persoais. “Desde o Goberno galego traballamos nestes aspectos como as principais liñas da acción de goberno en materia educativa”, dixo, lembrando que se están a implementar novas iniciativas ao respecto.
Neste sentido, destacou a aprobación onte no Consello da Xunta do Plan para o impulso da atención á diversidade de Galicia que se comezará a aplicar xa desde o vindeiro curso 2026-27 e que incluirá o reforzo e consolidación de 400 profesores especialistas neste eido e novos recursos, así como melloras na organización e no traballo de xestión en prol dunha maior axilidade e eficiencia. “Galicia conta co ensino máis inclusivo de España e queremos seguir mellorándoo, incrementando a rede de profesionais dedicados a este labor, facilitando o seu traballo e ofrecendo ás familias unha educación máis personalizada para os seus fillos”, incidiu o conselleiro.
Así mesmo, Román Rodríguez lembrou que o Goberno galego está a intensificar as accións para loitar contra o acoso escolar. A este respecto, detallou que o seu departamento acaba de poñer en marcha o Contrato de Vida Dixital, unha iniciativa pioneira orientada a promover un uso responsable da tecnoloxía entre o alumnado e coa implicación das familias e dos centros educativos. “Fomentamos a corresponsabilidade nun eido que pode incidir dun xeito moi positivo no benestar e na educación dos máis novos, pero que tamén pode xerar problemas de convivencia non desexados”, declarou.
Esta acción vén complementar o amplo abano de iniciativas impulsado pola Xunta través do Plan integral contra o acoso e o ciberacoso escolar nesta materia, como a Rede de Concellos contra o Acoso Escolar, a prohibición do uso dos móbiles nos centros, a instalación de Puntos Laranxa para denunciar desde o anonimato posibles casos, o Termómetro Acoso Escolar para mediar a situación nunha aula ou a creación dos Equipos ACAE de Actuación contra o Acoso Escolar, formados por docentes.
“Os casos de acoso representan unha mínima porcentaxe en Galicia, cun 0,06% de procedementos correctores, pero mentres exista un só caso seguiremos actuando para erradicar por completo estas situacións”, comprometeu Román Rodríguez.
O premio Tolerancia cero fronte ao acoso para recoñece as actuacións e proxectos de carácter individual ou colectivo desenvolvidos polos centros de ensino que implicaran un alto grao de compromiso coa loita contra situacións contrarias á convivencia escolar.