Presentan en Lugo a estratexia do Laboratorio de Saúde Pública para 2026-2030

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, participou en Lugo na presentación da Estratexia do Laboratorio de Saúde Pública de Galicia para o período 2026-2030, un documento co que a Xunta pretende reforzar o papel deste centro, ao que situou como un referente a nivel estatal. Durante o acto, o responsable autonómico subliñou que o prestixio acadado polo laboratorio avala a candidatura de Lugo como futura sede da Axencia Estatal de Saúde Pública.
Acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, Gómez Caamaño explicou algúns dos principais obxectivos que persegue a nova folla de ruta. Entre eles, destacou a mellora da calidade e do alcance do rastrexo das mostras, a redución dos tempos de resposta nas análises e o reforzo da colaboración entre os distintos laboratorios de microbioloxía dos hospitais galegos.
Neste marco, o conselleiro avanzou tamén a intención de crear unha rede estable cos laboratorios de microbioloxía de Galicia para levar a cabo tarefas de secuenciación xenómica de distintos virus e bacterias, como poden ser a Lexionella ou a Salmonella, co obxectivo de mellorar a vixilancia e a prevención sanitaria.
Durante a súa intervención, Gómez Caamaño puxo en valor o traballo que desenvolve o Laboratorio de Saúde Pública de Galicia e a súa relevancia en ámbitos clave como a seguridade alimentaria, o control da calidade das augas de consumo e de baño, ou a investigación de abrochos derivados de intoxicacións ou infeccións. Nesa liña, cualificou o centro como “un dos buques insignia da sanidade galega” e lembrou que foi o primeiro laboratorio destas características en España en obter a acreditación da ENAC.
Na actualidade, o laboratorio conta cun cadro de persoal integrado por 52 profesionais altamente cualificados, que procesan unha media de 15.500 mostras ao ano e realizan máis de 240.000 ensaios, dos cales arredor do 70 % están acreditados.
Nos últimos anos, o Goberno galego investiu preto de 5 millóns de euros para dotar o centro de equipamento de alta tecnoloxía, o que permitiu multiplicar a súa capacidade analítica e abrir novas liñas de traballo. Entre elas atópanse a posta en marcha da Rede de Ómicas, que posibilitará coñecer a incidencia da Lexionela na comunidade e o seu xenotipado, ou a Biomonitorización humana, orientada a avaliar a exposición da poboación a contaminantes en zonas concretas.
O conselleiro pechou a súa intervención destacando a apertura do laboratorio á sociedade mediante programas de prácticas para estudantes e accións divulgativas, iniciativas coas que se reforza o seu papel como ferramenta esencial para a prevención sanitaria e a seguridade ambiental e alimentaria en Galicia.