Preto de 20.000 persoas xa participan no ensaio clínico SINCIGAL sobre a vacina fronte ao virus respiratorio sincitial

Preto de 20.000 persoas xa participan no ensaio clínico SINCIGAL, impulsado pola Consellería de Sanidade para avaliar a eficacia da vacinación fronte ao virus respiratorio sincitial (VRS) na redución dos ingresos hospitalarios na poboación adulta.
Co fin de facilitar a participación cidadá, a Xunta habilita de maneira extraordinaria esta fin de semana puntos de vacinación sen cita previa nos 14 hospitais do Servizo Galego de Saúde. Ademais, mantense activa a vacinación ordinaria tanto nos centros de saúde adscritos como nos puntos habilitados nos hospitais durante a semana.
O ensaio clínico, que xa supera as 19.400 persoas participantes, non avalía a efectividade da vacina —xa autorizada— senón a súa eficacia para diminuír de forma significativa os ingresos hospitalarios asociados ao VRS na poboación adulta galega.
Inicialmente dirixido a maiores de 60 anos, o estudo ampliouse a todas as persoas maiores de idade. Por áreas sanitarias, a participación supera as 5.000 persoas na área da Coruña e Cee, máis de 3.600 en Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, máis de 3.500 en Lugo, A Mariña e Monforte, e cifras destacadas tamén en Pontevedra e O Salnés, Santiago e Barbanza, Vigo e Ferrol.
Por franxas de idade, o grupo con maior participación é o de 61 a 70 anos, con máis de 9.100 persoas, seguido do de 71 a 80 anos, con máis de 4.200. Tamén participan persoas máis novas, con case 680 entre 18 e 40 anos, así como máis de 300 persoas maiores de 90 anos.
As persoas interesadas en participar poden facelo sen cita previa nos hospitais habilitados durante a fin de semana e, ata o 31 de xaneiro, tamén nos centros de saúde participantes. Para resolver dúbidas, a Xunta mantén operativo o teléfono gratuíto 900 842 217, ademais da páxina web do proxecto.