Preto de 450.000 persoas visitaron o Parque Nacional das Illas Atlánticas este verán

Preto de 450.000 persoas visitaron o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia durante a pasada tempada de verán —período que se estende desde o 15 de maio ata o 15 de setembro—, unhas cifras que superan nun 3,1% as rexistradas no mesmo período de 2025.
Así o anunciou esta mañá durante unha visita ao arquipélago de Cortegada a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, quen destacou tamén que estes datos confirman que o parque nacional segue sendo un dos espazos naturais máis visitados da Comunidade durante a época estival e consolidan a tendencia ascendente detectada nos últimos anos en canto á afluencia a este espazo protexido.
Ademais, a responsable autonómica fixo fincapé tamén na comparativa interanual xa que, desde xaneiro, os catro arquipélagos recibiron 478.732 visitas, un balance que practicamente iguala ao de todo o ano anterior (491.009) a pesar de que, tal e como recordou, aínda faltan máis de tres meses para pechar o balance de 2026. De feito, de manterse a mesma tendencia ascendente ata final de ano, a previsión é que se superen as cifras globais de todo o ano 2025.
Ao igual que en exercicios anteriores, Ángeles Vázquez explicou que agosto volveu ser o mes que concentrou as cifras máis altas de visitantes no conxunto do parque nacional (161.107), seguido de xullo (135.700) e de xuño (82.774).
En calquera caso, destacou de forma especial o aumento detectado durante o tramo final da tempada alta. En concreto, indicou que durante a primeira quincena de setembro o balance de visitantes nos catro arquipélagos superou en case un 40% ao rexistrado o ano anterior (46.268 persoas entre o 1 e o 15 de setembro deste ano e 33.113 no mesmo período de 2025).
En canto ao balance estacional por illas, detallou que Cíes, ao igual que todos os veráns, foi a más visitada, con 290.876 persoas, seguida de Ons, cun total de 134.373. Estas cifras complétanse coas 13.644 visitas contabilizadas no mesmo período en Sálvora (co maior aumento porcentual, dun 9,6%) e as 8.603 de Cortegada, ata sumar unha cifra total de 447.496 persoas que pasaron polas catro illas este verán.
Así mesmo, como datos de interese a destacar da última tempada estival, Ángeles Vázquez salientou que, entre o 15 de maio e o 15 de setembro, se detectou un aumento dos peregrinos que combinan a experiencia de facer o Camiño de Santiago coa visita a algunha das Illas Atlánticas. Tamén crece o turismo familiar, con máis pernoctas de familias nos cámpings de Cíes e de Ons, e as actividades formativas e de ocio ligadas á práctica do mergullo no parque nacional.
Por último, Ángeles Vázquez aproveitou a visita para insistir na importancia de seguir desestacionalizando as viaxes ás Illas Atlánticas, unha clara aposta da Xunta que se traduce en actividades educativas e de voluntariado ambiental que se desenvolven durante o ano nos catro arquipélagos ou nas propias visitas guiadas gratuítas que pon o Parque Nacional á disposición da cidadanía interesada en coñecer este espazo protexido.
Neste sentido, puxo en valor as iniciativas e proxectos impulsados polo seu departamento nos últimos anos para promover os valores e a riqueza natural pero tamén histórica e patrimonial que albergan as Illas Atlánticas, que contribúen a fomentar unha maior distribución das visitas ao longo de todo o ano.