Preto de 50 personas formadoras de entidades galegas do exterior beneficiáronse do programa 'Escolas Abertas 2026'

Na entrega de diplomas previa á gala de clausura desta noite en Lugo, o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, puxo en valor esta iniciativa coa que se levan cualificado unhas 2.000 persoas
entrega-diplomas-migracion
20 Jul 2026

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, xunto coa delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, agradeceu hoxe a implicación das preto de 50 persoas participantes na edición deste ano do programa Escolas Abertas, dirixido a divulgar a cultura e tradicións galegas entre a diáspora a través das mestras e mestres que exercen nas entidades galegas do exterior. No acto final de entrega de diplomas, puxo de relevo os contidos impartidos —desde o pasado 8 de xullo— sobre baile tradicional galego, canto popular, pandeireta, gaita e percusión e habilidades directivas neste eido.

Á espera de que a edición 2026 de Escolas Abertas se peche esta noite cunha gala que terá lugar ás 20,30 h. na praza de Santa María de Lugo e que contará cunha actuación sorpresa, o secretario xeral aproveitou para destacar o efecto multiplicador da iniciativa xa que, tras ter conseguido formar ata o momento unhas 2.000 persoas, volve materializarse como unha ponte entre Galicia e a súa diáspora que permite seguir preservando e difundindo a cultura e tradicións da comunidade de xeito global.

Neste contexto, salientou o compromiso e a dedicación das persoas participantes que, coa formación especializada e cualificada que recibiron estes días, chegarán a milleiros de alumnas e alumnos dos seus países de residencia. Cunha media de idade de 35 anos, proceden —entre outros países— da Arxentina, O Uruguai, Venezuela, O Brasil e doutros puntos de España.

Rodríguez Miranda salientou o compromiso da Xunta coa galeguidade no exterior, non só a través de programas de divulgación da cultura e tradicións galegas como Escolas Abertas, senón tamén apoiando aquelas persoas que desexan volver para establecerse e traballar na Comunidade. Nese senso, puxo en valor a Estratexia Galicia Retorna, no marco da que se impulsan programas orientados á atracción de talento como o Retorna Cualifica Emprego, que ofrece en orixe traballos de calidade cos que volver a Galicia, ou as Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME), para fomentar o regreso de xente nova con alta cualificación.

0.32645297050476