Preto dun cento de direccións de centros públicos apoian a folga docente convocada pola CIG e o STEG

Un comunicado conxunto de case cen equipos directivos súmase á convocatoria de folga xeral no ensino público galego, que abrangue a máis de 30.000 docentes e preto de 400.000 estudantes.
Folga Profesores
28 Oct 2025

Os sindicatos convocantes da folga levarán a cabo mañá unha marcha baixo o lema “Viramos San Caetano” para reclamar un xiro nas políticas da Xunta, e o mércores realizaranse manifestacións nas catro provincias galegas con chegada ás Delegacións territoriais da Consellaría de Educación.

A convocatoria abrangue todo o ensino medio, desde Infantil até Bacharelato, así como Formación Profesional e ensinanzas de réxime especial, entre elas conservatorios, escolas oficiais de idiomas e escolas de arte. En total, afecta a máis de 30.000 docentes, tanto persoal funcionario como interino e substituto, e a uns 374.000 estudantes, segundo datos da Consellaría, sen contar o alumnado das ensinanzas especiais, o que eleva a cifra a preto de 400.000.

Nos últimos días sumáronse numerosas adhesións á folga de 48 horas convocada pola CIG-Ensino e o STEG, un feito que non se producía desde os anos oitenta. Ademais das accións nas redes sociais e nos propios centros educativos, esta tarde fíxose público un comunicado conxunto de preto dun cento de direccións de centros públicos de toda Galicia que expresan o seu apoio á convocatoria.

No documento, as direccións explican que dan este paso “desde a convicción de que a educación pública é un dos piares fundamentais da nosa sociedade e de que precisa recursos, estabilidade e recoñecemento para garantir un servizo digno e de calidade”. Tamén sinalan a sobrecarga administrativa, a falta de medios e a precarización das condicións laborais como factores que repercuten directamente na atención ao alumnado e na calidade educativa.

O texto conclúe asegurando que esta non é unha folga de carácter corporativo, senón “un acto de dignidade e compromiso co alumnado, coas familias e coa sociedade galega”.

Tamén se sumaron apoios desde o sindicato estudantil Erguer, que chamou ao alumnado de ensino medio e FP a participar nas mobilizacións, e desde Anpas Galegas, que anima ás familias a secundar as reivindicacións comúns como a redución de ratios e o incremento de persoal especializado.

As mobilizacións terán lugar mañá en Santiago de Compostela, con concentración ás 12:00 horas en San Caetano, e o mércores nas catro capitais galegas, ás 11:30 horas, con saída dos seguintes puntos:

A Coruña: CEIP Alborada (Rúa San José de Calasanz, nº 5)

Lugo: Praza da Horta do Seminario

Ourense: Dirección Territorial de Educación (Rúa Concello, nº 11)

Pontevedra: IES Valle Inclán (paseo de Montero Ríos)

Entre as principais demandas destacan a baixada de ratios a partir do curso 2026-2027, a recuperación do horario lectivo previo aos recortes de 2011 e 2012, medidas concretas para atender á diversidade, un plan de redución da burocracia administrativa, melloras retributivas e a redución da xornada laboral a partir dos 55 anos.

⚙ Configurar cookies
0.30245518684387