Promoción Económica pon en marcha a páxina da Oficina do Cinema de Pontevedra para facilitar as producións audiovisuais

O Concello de Pontevedra, a través da área de Promoción Económica, presentou esta mañá a nova páxina oficial da Oficina do Cinema de Pontevedra, un espazo activo dende hoxe e accesible tamén dende a web municipal. O obxectivo é converter a cidade nunha plataforma eficiente e accesible para produtoras e equipos de rodaxe.
A edil de Promoción Económica, Anabel Gulías, acompañada polo coordinador da antiga Pontevedra Film Commission, Miguel López, agora ao fronte da Oficina do Cinema, explicou que a iniciativa responde ao crecente interese das produtoras pola Boa Vila como escenario de rodaxes. Citou exemplos recentes como as películas Matria de Álvaro Gago (2023), Antes de Nós (2024) ou a serie El jardinero (2025), que amosan “a diversidade e potencial de Pontevedra como escenario audiovisual”.
Segundo destacou Gulías, o novo portal funciona como un “punto de acceso único e doado” para localizar escenarios, axilizar trámites, conectar con profesionais locais e prestar apoio durante as gravacións. Ademais, ofrece un servizo de asesoramento especializado, que acompaña ás produtoras durante o desenvolvemento das rodaxes e facilita a coordinación loxística e a relación cos distintos departamentos municipais.
A web inclúe tamén un catálogo de localizacións que mostra as múltiples posibilidades da cidade, desde o seu patrimonio histórico e urbano até as paisaxes naturais e costeiras do seu entorno.
A Oficina do Cinema, integrada na área de Promoción Económica, conta cun equipo técnico especializado que acompaña e orienta as producións interesadas en rodar en Pontevedra, unha cidade cada vez máis atractiva polo seu modelo urbano recoñecido internacionalmente e polo seu valor cultural e patrimonial.
🔗 https://cinema.pontevedra.gal/