Promoción Económica presenta Ponte ao Choio, dous días de asesoramento de balde para potenciar a inserción laboral

A concelleira Anabel Gulías presentou Ponte ao Choio, unha feira que ofrecerá dous días de formación e asesoramento gratuíto para fomentar a empregabilidade e o emprendemento en Pontevedra
Ponte Ao Choio
10 Nov 2025

A área de Promoción Económica do Concello de Pontevedra presentou 'Ponte ao Choio', un evento innovador e práctico pensado para promover a empregabilidade e o emprendemento, xerar novos vínculos no mercado laboral e fortalecer o tecido produtivo local.

A feira celebrarase no primeiro andar do Mercado de Abastos os días 27 e 28 de novembro, en horario de 10.00 a 14.00 pola mañá e de 16.00 a 20.00 pola tarde.

A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, convidou a todas as persoas interesadas a participar neste programa “que achega recursos, formación e oportunidades para que as persoas da nosa cidade poidan conectar con empresas que buscan talento e, á vez, para que as emprendedoras e os emprendedores locais poidan dar a coñecer as súas ideas, establecer contactos e consolidarse”.

Gulías destacou que Ponte ao Choio é “un formato distinto ao dunha feira de emprego ao uso” e que se desenvolve “nun espazo dinámico e innovador como é o Mercado de Abastos”. O obxectivo, engadiu, é mellorar a empregabilidade e activar o talento local cun enfoque práctico e integrador.

A programación das dúas xornadas inclúe:

Obradoiros de mellora da empregabilidade, asesoramento curricular, elaboración de vídeocurrículo e sesións fotográficas para currículos, estas últimas a cargo da fotógrafa Bea Císcar.

Os coloquios “IA na procura de emprego e negocios”, con Noela Quintana e Damián Pazos o día 27 ás 18.00, e “Claves para unha entrevista de traballo exitosa”, tamén con Noela Quintana, o día 28 á mesma hora.

Un espazo con recursos de formación, orientación profesional, preparación para procesos de selección e acompañamento a persoas emprendedoras e desempregadas.

Ademais, o equipo de Promoción Económica irá publicando vídeos de persoas emprendedoras da cidade antes da celebración das dúas xornadas.

⚙ Configurar cookies
0.36573696136475