Prorrogadas un mes máis as medidas preventivas ante a dermatose nodular contaxiosa

A análise do risco sanitario existente, que se realiza de xeito permanente polos Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería, aconsella manter polo de agora as medidas cautelares establecidas na comunidade
Vacas-provincia-Lugo
30 Jul 2026

A Consellería do Medio Rural publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha nova resolución da Consellería do Medio Rural pola que se prorrogan as medidas de prevención da enfermidade da Dermatose Nodular Contaxiosa (DNC) que afecta ao gando bovino, co fin de seguir protexendo a cabana galega.

Esta decisión producirá os seus efectos desde pasado mañá, día 1 de agosto, ata o vindeiro 31 do mesmo mes, ambos incluídos, e poderase prorrogar en función da evolución epidemiolóxica da doenza. A análise do risco sanitario existente, que se realiza de xeito permanente polos Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería, aconsella manter polo de agora as medidas cautelares establecidas en Galicia, coa finalidade de continuar salvagardando e protexendo a cabana bovina da nosa comunidade.

Así, con esta resolución seguen permitidas as feiras, certames, poxas, mercados e concentracións de gando bovino con finalidade comercial, aínda que só con asistencia de animais procedentes de explotacións galegas. Iso si, os vehículos procedentes de fóra da comunidade que acudan a estes eventos deberán acceder ás instalacións baleiros, limpados, desinfectados e desinsectados. Con respecto á celebración extraordinaria de concursos, certames, poxas e exhibicións, continuará sendo precisa a autorización previa da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural, no seu caso tamén con asistencia só de animais de explotacións galegas.

Do mesmo xeito, mantense o período de vixilancia veterinaria oficial vixente, de 28 días para todos os bovinos procedentes de explotacións localizadas fóra de Galicia -con destino a vida-, dende a data da súa incorporación á explotación de destino na nosa comunidade. Todos os animais das granxas que incorporen bovinos procedentes doutras partes do territorio español ou do estranxeiro quedarán inmobilizados de xeito cautelar durante o mesmo período de tempo. Unha inmobilización que afectará aos bovinos presentes na explotación na data de entrada dos novos animais.

Do mesmo xeito, segue sendo obrigatorio desinsectar todos os bovinos presentes na explotación á que se incorporen estes animais, así como todos os vehículos de transporte de gando que realicen movementos de entrada a Galicia, tanto para vida como para sacrificio, e, neste último caso, manténdose a posibilidade da súa entrada sempre que sexan trasladados directamente a matadoiro.

Ademais, cómpre lembrar que os Servizos Veterinarios Oficiais de Medio Rural continuarán realizando todas as actuacións necesarias de inmobilización das explotacións, vixilancia sanitaria, comprobación da correcta desinsectación, control das condicións de limpeza e desinsectación de vehículos, coa colaboración das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

Mensaxe de tranquilidade cara o sector

En todo caso, mantense por parte da Xunta a mensaxe de tranquilidade cara ao sector e cara a cidadanía en xeral, xa que non existe constancia de ningún caso desta enfermidade en Galicia e tampouco se transmite ás persoas. Neste mesmo contexto, Medio Rural segue reclamando ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) unha maior implicación do seu departamento e unha estratexia clara de coordinación entre todas as comunidades autónomas para o control eficaz desta enfermidade, co fin de levar a cabo medidas homoxéneas que dean certezas e seguridade no sector gandeiro, particularmente no caso de ter que poñer en marcha indemnizacións.

Asemade, tamén se lle pediu ao MAPA que lidere, na Unión Europea, unha vacina marcada que poida usarse con carácter preventivo e que se cambie a categoría da enfermidade -actualmente cualificada como A, a máis grave das existentes-, xa que repercute de forma moi esixente no sector gandeiro. Así mesmo, tamén se ten solicitado a súa inclusión nos seguros agrarios.

A Dermatose Nodular Contaxiosa é unha enfermidade vírica de alta difusibilidade que ocasiona importantes prexuízos, tanto nas explotacións afectadas como no sector bovino do territorio no que se notifique a súa presenza. Con todo, cómpre reiterar que a doenza non afecta ás persoas, nin por contacto directo con animais infectados nin polo consumo dos seus produtos, e tampouco a través dos vectores transmisores.

0.30361604690552