Protección Civil homologa plans de emerxencia municipal e Plans de actuación municipal de varios concellos

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, presidiu a reunión da Comisión técnica permanente de Protección Civil. Neste encontro, por unha parte, homologáronse os Plans de actuación municipal (PAM) fronte ao risco de inundacións nos concellos de Pontevedra, Pontecesures, Redondela e Ponteceso.
Tamén se aprobou a homologación do plan de actuación municipal ante o risco de rotura de presas de Montefurado, Guistolas, Bao e Santa Eulalia, todas elas no concello de Ribas de Sil, así como a de Río Cobo no municipio de Cervo. Por último, a comisión deu o visto bo á aprobación dos plans de emerxencia municipal (PEMU) dos concellos coruñeses de Padrón e Teo.
O obxecto destes plans é preparar unha resposta municipal de xeito que os respectivos concellos teñan un dispositivo permanente en función dos riscos detectados, unha estrutura de mando e uns procedementos de actuación e catalogación dos medios cos que conta o concello. Así, a finalidade é que con esta planificación as actuacións que se leven a cabo en caso de emerxencia non sexan froito da improvisación, e que a solución que se dea sexa a máis adecuada á incidencia acontecida.
A Comisión técnica permanente de Protección Civil é un órgano de estudio e proposta dos temas que vaian aprobarse no pleno da Comisión Galega de Protección Civil, así como, a adopción de acordos en aquelas materias delegadas pola Comisión Galega de Protección Civil, entre outras, a homologación dos plans municipais