Publicada a primeira orde para rehabilitar vivendas destinadas a persoas traballadoras no rural

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a primeira orde autonómica que —cun orzamento inicial de 1,5 M€— está destinada a rehabilitar vivendas en concellos de menos de 20.000 habitantes para logo alugar ou ceder o seu uso a persoas contratadas por empresas que conten con centros de traballo en Galicia. Con prazo de solicitude aberto desde mañá ata o próximo 15 de xullo, esta convocatoria bianual (2026-2027) conxunta das consellerías de Emprego, Comercio e Emigración e de Vivenda e Planificación de Infraestruturas busca dar resposta tanto ás necesidades de man de obra do tecido produtivo —priorizando sectores estratéxicos— como ás de acceso á vivenda das persoas traballadoras, ao tempo que se avanza na fixación de poboación e na vertebración do territorio galego.
Poderán beneficiarse das axudas os propietarios, usufrutuarios ou cesionarios do uso desas vivendas por un prazo mínimo de 10 anos, xa sexan as propias empresas que contratan ou persoas físicas ou xurídicas e concellos que se comprometan con elas a destinar os inmobles que rehabiliten aos seus traballadores. Para garantir a cobertura das vacantes laborais botando man —cando sexa necesario— da atracción do talento exterior, valorarase que as vivendas sexan para persoas contratadas no marco do programa Retorna Cualifica Emprego —que ten aberto o prazo de solicitude da convocatoria 2026-2027— ou tras teren sido beneficiarias das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME).
Requisitos e valoración
A orde contempla dúas liñas. Por unha banda, a destinada tanto ás empresas como ás persoas físicas ou xurídicas que se comprometan con elas a destinar as vivendas que rehabiliten ás súas persoas traballadoras, dotada con 750.000 euros. Por outra, a dirixida aos concellos que tamén subscriban coas empresas o oportuno instrumento xurídico, con outros 750.000 euros. Do montante total de 1,5 M€, 600.000 euros corresponden á presente anualidade e os restantes 900.000 euros á de 2027.
As axudas poderán destinarse tanto á rehabilitación de vivendas unifamiliares como de edificios residenciais colectivos inacabados ou que se encontren en situación de esqueleto inmobiliario. Inclúese como subvencionable a terminación e/ou ampliación dos inmobles e as obras de accesibilidade, conservación, habitabilidade, sustentabilidade ou eficiencia enerxética, e mesmo actuacións preparatorias como informes técnicos ou gastos de tramitación. A maiores da axuda para a rehabilitación, os interesados poderán solicitar a contratación do seguro de impago do alugamento ou cesión de uso.
En canto ás axudas máximas, no caso de que se rehabilite unha vivenda unifamiliar a contía poderá alcanzar ata o 95 % do orzamento protexido das obras, sen que en ningún caso se poidan superar os 50.000 € por vivenda rehabilitada no caso da liña de empresas e persoas físicas ou xurídicas, e de 75.000 € se o solicitante é un Concello. Nos edificios residenciais, a contía poderá alcanzar tamén ata o 95 % do orzamento protexido das obras, sen que en ningún caso se poidan superar os 30.000 € por cada unha das vivendas que formen parte do inmoble, nin a cantidade conxunta para todo o inmoble de 300.000 €. Isto é, pódese cubrir ata un máximo de 10 axudas neste caso.
Cómpre engadir que á hora de puntuar as solicitudes, e máis aló da mencionada valoración das persoas beneficiarias do Retorna Cualifica Emprego e das BEME como destinatarias finais, teranse en conta outras cuestións como que as vivendas sexan para traballadores de sectores estratéxicos para Galicia, nomeadamente o da automoción, naval, metalmecánico, téxtil-moda, TIC e industrias culturais, así como as actividades agroalimentarias, pesqueiras, forestais ou de coidados de maiores, pola súa contribución ao desenvolvemento económico, á cohesión territorial e á fixación de poboación. A maiores, avaliarase a distancia entre os inmobles e os centros de traballo correspondentes —non podendo acollerse a axuda os situados a máis de 15 km—, o tamaño poboacional do municipio e a súa evolución demográfica nos últimos dez anos —así como que a vivenda se sitúe nunha área Rexurbe— ou as condicións de sostibilidade da rehabilitación, mellorando a eficiencia enerxética ou empregando materiais de baixo impacto ambiental e técnicas de construción sostible.