Publicada a orde que regula a proba de acceso á universidade coa nova organización consensuada

Esta normativa fixa unha nova estrutura de coordinación institucional, cunha Comisión Organizadora responsable das directrices xerais e unha Comisión Técnica para o desenvolvemento operativo e loxístico
exame-abau-selectividade
17 Nov 2026

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP publica hoxe no Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Orde pola que regula a Proba de Acceso á Universidade (PAU) coa nova organización e os requisitos consensuados entre a Xunta e tres universidades públicas galegas, tras a súa publicación no Portal de transparencia. Nesta normativa recóllese tanto o proceso de acceso, relativo á proba, como o de admisión, adaptando a normativa galega ao Real Decreto 534/2024 polo que se regulan os requisitos de acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao.

Tal e como xa se explicou, as principais cambios que introduce a Orde atinxen á estrutura organizativa da PAU posto que se crea unha nova estrutura de coordinación institucional que se configura a través dunha Comisión Organizadora e unha Comisión Técnica, como principais figuras novidosas.

A Comisión Organizadora estará conformada por tres representantes da Consellería, outras tres delegadas das universidades públicas (unha por cada unha delas) e unha secretaría externa á comisión. Este órgano ocuparase das directrices xerais dos exames, como os criterios para a redacción da proba –contidos axeitados ou nivel de dificultade– e para a súa avaliación. Así mesmo, definirá os criterios para a elaboración das guías de cualificación de cada exame.

Entre outras accións, que se desenvolverán máis adiante nunhas instrucións específicas, elaborará bancos de materiais que faciliten a elaboración de modelos de exame e establecerá mecanismos de supervisión por pares entre os propios docentes que redactan as preguntas para que sexa máis sinxelo detectar calquera erro ou incoherencia antes de que cheguen ás mesas dos alumnos o día da proba.

Coa nova composición garántese a corresponsabilidade e representación de todas as partes implicadas nestas tarefas de coordinación e deseño xeral, que ata o momento recaían só na Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG). Isto permite, ademais, simplificar a estrutura da CiUG, que pasa a estar composta polos tres delegados das universidades e polo Tribunal Único, que é o órgano da Comisión Interuniversitaria de Galicia que se encarga da parte operativa da PAU; todos eles con representación ben na Comisión Organizadora ou ben na Técnica.

Pola súa banda, a Comisión Técnica será a responsable das tarefas loxísticas e operativas da PAU en cuestións como os horarios e lugares de realización, medidas de seguridade na elaboración, selección e custodia das probas ou adaptación ás necesidades específicas de apoio educativo do alumnado. Estará conformada por dúas persoas de recoñecida experiencia na docencia e xestión de probas de acceso a proposta da Xunta e polas persoas que ocupen a presidencia e a secretaría do Tribunal Único, órgano da CIUG que, polo tanto e como ata agora, seguirá desempeñando as funcións de elaboración, custodia, distribución e corrección das probas.

Entre outras funcións da Comisión Técnica, publicará os modelos de exame de cada materia e os criterios xerais de avaliación e resolverá as reclamacións relativas a cuestións de natureza distinta ás cualificacións. Así mesmo, a Comisión Técnica proporá á Comisión Organizadora os membros dos grupos de traballo –que redactan os exames–, das comisións delegadas –que os realizan en cada unha das sedes– e dos tribunais cualificadores –que os corrixen– para o seu visto e prace.

No nivel directo de redacción, aplicación e corrección das probas, a principal novidade é o cambio de composición dos grupos de traballo, que estarán constituídos por un máximo de dous docentes das universidades públicas e outro máximo de catro do sistema de ensino público con docencia na materia ou do corpo da inspección. Deste xeito increméntase o peso da participación do profesorado de Bacharelato, que conta cunha experiencia máis directa e coñecemento do currículo.

Cada un dos grupos estará dirixido, preferentemente, por un dos devanditos docentes universitarios. A persoa que ocupe a dirección será responsable da elaboración das propostas de exame segundo os criterios e directrices marcadas pola Comisión Organizadora, así como das súas respectivas guías de cualificación. Coordinará tamén a colaboración de todas as persoas integrantes do mesmo e de que funcionen adecuadamente os mecanismos de supervisión e revisión das preguntas.

O proceso de admisión continuará, como ata o momento, sendo xestionado pola Comisión Interuniversitaria de Galicia. Isto abrangue todo o relativo á solicitude de ingreso nas diferentes titulacións, a oferta de prazas ou a asignación das mesmas, entre outros aspectos.

0.34488797187805