Publicada no DOG a ampliación orzamentaria do Bono Remuda

O presuposto da medida elévase dos 1,5 millóns de euros iniciais aos 2.050.000 euros co gallo de cubrir a totalidade das solicitudes recibidas
dineiro-cartos-moedas-orzamento
20 Oct 2026

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a ampliación orzamentaria do Bono Remuda, incluído na orde unificada de axudas para persoas traballadoras autónomas. Deste xeito, o presuposto da medida elévase dos 1,5 millóns de euros iniciais aos 2.050.000 euros co gallo de cubrir a totalidade das solicitudes recibidas que cumpren os requisitos recollidos na convocatoria. En concreto, un total de 93 negocios poderán así continuar en activo logo da xubilación da persoa titular en 2026.

O Bono Remuda contempla apoios para quen colle o testemuño dun negocio, con dúas liñas: o Bono remuda rural —para empresas en concellos de menos de 10.000 habitantes— e o Bono remuda xeral —para as que están en concellos de 10.000 habitantes ou máis—. Ademais, hai achegas para quen traspasa por xubilación, oscilando entre os 3.000 euros e 6.000 euros en función de se o concello no que está situado o negocio é de máis ou menos de 10.000 habitantes.

Esta axuda permite cubrir ata o 75 % do custo da remuda, cun máximo de 30.000 euros, co gallo de evitar o peche de negocios que previamente estivesen inscritos na Bolsa de Remuda da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego. Prevense incrementos en caso de que quen adquira a empresa sexa menor de 30 anos ou maior de 52, muller ou persoa desempregada de longa duración, así como se o negocio que se traspasa ten máis de cinco traballadores, entre outras cuestións.

0.32070803642273