Publicadas as axudas da Xunta para a gratuidade das escolas infantís en Galicia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe publica as bases que rexen a concesión de axudas para o mantemento e a gratuidade da atención educativa das escolas infantís 0-3 e puntos de atención á infancia de titularidade municipal para este curso 2026-2027. A Xunta destina 8,2 millóns de euros a dar continuidade a este programa, a través do que se financian arredor de 7.000 prazas.
Esta convocatoria de achegas abrangue o período comprendido entre o 1 de setembro de 2026 e o 31 de xullo de 2027. As solicitudes presentaranse por medios electrónicos a través da sede electrónica da Xunta. O prazo para facelo comezará ás 8.00 horas do sexto día hábil seguinte ao publicación da orde no DOG e finalizará ás 23.59 horas do día en que se cumpra un mes desde a data de apertura do mesmo. No caso de escolas infantís que obteñan o permiso de inicio de actividade con posterioridade á publicación desta convocatoria o prazo rematará o 30 de outubro.
O obxectivo da Xunta é que Galicia continúe sendo a comunidade autónoma con mellores datos de escolarización no primeiro ciclo de Educación Infantil. O curso pasado foi o cuarto consecutivo no que Galicia liderou en España esta clasificación cunha taxa do 64 %, sendo a única comunidade que supera a barreira do 60 % e situándose 14 puntos por riba da media nacional.
O Executivo autonómico volverá poñer este curso a disposición das familias máis de 32.000 prazas de 0 a 3 anos de balde, tanto en escolas infantís públicas, de iniciativa social ou privada. Galicia foi pioneira na implantación da gratuidade, un proceso que se iniciou no curso 2019-2020 para as familias con dous ou máis fillos e que desde o 1 de setembro de 2022 se ampliou ao 100% do alumnado.
Comunidade de referencia
Hoxe Galicia mantense como referente, xa que o seu programa de gratuidade segue a ser o máis ambicioso de toda España: oito horas diarias durante once meses ao ano. Unha medida que a Xunta financia na súa totalidade con fondos propios, con 68 millóns de euros este ano, e sen achegas por parte do Goberno central.