Quinta xornada de folga por un convenio digno nas residencias privadas e centros de día

As traballadoras das residencias privadas de maiores e centros de día protagonizan este mércores e xoves unha nova folga para esixir un convenio colectivo digno. Esta quinta xornada de mobilizacións chega tras meses de bloqueo na negociación por parte da patronal e co desinterese da Xunta como pano de fondo.
A pesar dos estritos servizos mínimos impostos, o persoal mobilizouse en cidades como Vigo, A Coruña, Carballo, Lugo e Santiago. As accións incluíron manifestacións, ruadas, actos simbólicos e concentracións diante do Parlamento galego e das principais residencias privadas.
Nas protestas denunciouse que os salarios están por debaixo do SMI, non se cobre o 100% das baixas por enfermidade, as xornadas son extenuantes e o traballo en festivos non se compensa adecuadamente. “Toca loitar para rematar con esta situación inxusta”, repetiron as traballadoras en todas as concentracións.
A CIG-Servizos criticou que a patronal bloquea a negociación desde outubro e que a Xunta non asuma a súa responsabilidade. “As residencias están cada vez máis lonxe de ser espazos de coidado e cada vez máis preto de parecer fábricas”, denunciou Adolfo Naya.
Na mobilización conxunta celebrada onte en Compostela, participaron tamén traballadoras dos Servizos de Axuda no Fogar, nunha loita común contra a precariedade nun sector altamente feminizado e privatizado.