Rap, tradición e orgullo como acto de resistencia: Rebeliom do Inframundo lanza Bate Fado, novo adianto do disco Orgulho

Rebeliom do Inframundo lanza Bate Fado (Galunk Producións, 2026), terceiro adianto do seu novo álbum Orgulho, que verá a luz o vindeiro 26 de febreiro. O tema preséntase como un berro de liberación e afirmación colectiva, no que o rap dialoga coa tradición e coa música popular galega como resposta política e emocional aos tempos de estrés, ansiedade e precariedade.
Bate Fado nace do afogo cotián e propón espantar a crítica, o medo e a culpa a través do canto, da unión e da celebración do que somos. A canción reivindica a tradición como espazo de felicidade e comunidade, fronte a un sistema que “non nos deixa estar nin ser”. Tradición e orgullo convértense así nun acto de resistencia.
Musicalmente, o sinxelo volve amosar a identidade da banda: un rap cru e combativo que se mestura coa electrónica e coas raíces galegas, reforzando un discurso que mira de fronte á realidade sen baixar a cabeza. Bate Fado está xa dispoñible en plataformas dixitais e vén acompañado dun videoclip estreado na canle oficial de YouTube da banda.
O novo tema forma parte de Orgulho, o quinto traballo de Rebeliom do Inframundo, do que xa se coñecen os adiantos Sube, Balas e agora Bate Fado. Un disco que chega nun momento de plena madurez creativa para unha banda que leva máis dunha década facendo da música unha trincheira e unha celebración colectiva.
En palabras de Nervo, Bate Fado reflicte “o sentir de moita xente nestes tempos nos que o traballo afoga, non nos deixan respirar nin decidir sobre as nosas vidas”. O retrouso, explica, nace da idea de que as cancións populares “fan feliz á xente” e funcionan como unha resposta directa contra o estrés, a presión e a ansiedade: “É cantar, sorrir, estar xuntas e xuntos e poñer en valor a tradición e o orgullo”.
A primeira parada en Galicia do Orgulho Tour 2026 terá lugar o 8 de maio na Sala Capitol, despois do paso da banda por cidades como Barcelona, Bilbao e Madrid. As entradas xa están á venda.
Nacidos nas rúas e locais de ensaio de Galiza, Rebeliom do Inframundo —formado por Nervo, Malvares, Frank Huxley, Busto e DJ Pol— consolidouse como unha das bandas máis sólidas e respectadas da escena galega actual. O seu directo, unha mestura explosiva de rap, electrónica e tradición, converte cada concerto nunha experiencia colectiva onde o público forma parte activa da mensaxe.