Raquel Areal, primeira galega na Filharmónica de Berlín, protagoniza “Ao lonxe” coa Real Filharmonía de Galicia

A violinista Raquel Areal será a solista convidada do programa “Ao lonxe” da Real Filharmonía de Galicia, que inclúe a estrea absoluta dunha obra de Voro García e obras de Prokófiev e Sibelius.
Raquel Areal
28 Jan 2026

A Real Filharmonía de Galicia presenta esta semana Ao lonxe, un programa que pon o foco no violín da man de Raquel Areal, solista convidada e unha das intérpretes galegas con maior proxección internacional na actualidade. Os concertos terán lugar o xoves 29 de xaneiro no Auditorio de Galicia e o venres 30 de xaneiro no Centro Cultural Afundación, baixo a dirección do director titular e artístico da formación, Baldur Brönnimann.

O programa abrirase coa estrea absoluta de Muffled cry, unha nova obra do compositor Voro García, encargo da Real Filharmonía de Galicia no marco do proxecto Cometas, unha iniciativa que aposta pola creación contemporánea e pola presenza activa de compositoras e compositores actuais na tempada de abono.

A continuación, interpretarase o Concerto para violín nº 2 de Serguéi Prokófiev, composto en 1935, nun momento clave da súa traxectoria, cando se preparaba para regresar á Unión Soviética tras unha etapa de éxito en Occidente. Trátase dunha obra marcada polo lirismo e pola claridade formal, que supuxo o último gran encargo occidental do compositor.

A segunda parte do concerto estará dedicada á Sinfonía nº 2 de Jean Sibelius, escrita en 1902 tras unha estancia en Italia. A pesar das dificultades persoais e económicas que acompañaron ao compositor, esta sinfonía desprende unha extraordinaria forza vital e unha gran riqueza melódica, estruturada en catro movementos de ampla expresividade.

Como solista participa Raquel Areal, que desde maio de 2025 forma parte da Filharmónica de Berlín, converténdose na primeira galega en ingresar nesta prestixiosa orquestra, considerada unha das mellores do mundo. Formouse na Escola Superior de Música Reina Sofía e na Hochschule für Musik Hanns Eisler, e traballou con figuras de referencia como Kirill Petrenko, Sir Simon Rattle, Daniel Barenboim, Andris Nelsons, Janine Jansen ou Lisa Batiashvili.

Antes do concerto en Santiago, o público poderá asistir ao encontro previo Conversando con…, que terá lugar o xoves 29 ás 19:45 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia, unha oportunidade para coñecer as claves do programa e afondar no proceso creativo da obra de estrea.

As entradas teñen un prezo xeral de 18 euros, con descontos do 50 % para colectivos como estudantes, persoas desempregadas, maiores de 65 anos ou menores de 25, e poden adquirirse a través da web de Compostela Cultura, na Zona C e no Auditorio. Para o concerto de Vigo, as entradas están dispoñibles en Ataquilla desde 13,30 euros.

⚙ Configurar cookies
0.24588894844055