Raquel Sendón toma posesión como decana de Farmacia a USC

“Poucas veces un relevo institucional coincide de maneira tan simbólica co inicio dunha nova etapa para un centro”, dixo a reitora
toma-posesion-raquel-sendon-decana-farmacia
9 Jul 2026

“Debemos seguir contribuíndo ao progreso e o coidado da sociedade, ofrecendo unha docencia de calidade, pero tamén desenvolvendo unha investigación avanzada que dea resposta as retos desta sociedade e aspirar, en todas súas actividades da Facultade, a ser recoñecida como centro de referencia non só a nivel estatal senón internacional”. Con este propósito tomou posesión oficial este xoves a profesora Raquel Sendón como decana da Facultade de Farmacia, que en 2027 cumprirá 170 anos de existencia como tal.

A nova decana dixo estar orgullosa de que “os profesionais que formamos desenvolven funcións esenciais en ámbitos como a saúde pública, atención farmacéutica, investigación biomédica, industria farmacéutica, seguridade alimentaria ou innovación tecnolóxica e o fan comprometidos coa ética, o rigor científico e o servizo a sociedade”.

Sendón marcouse como un dos principais retos continuar a formar “profesionais excelentes”. “E xa que as ciencias farmacéuticas avanzaron moito nestes últimos anos -dixo-, eses avances deben reflectirse no plan de estudos, que debemos modificar para considerar as novas necesidades da sociedade e o novo contexto universitario”.

Na súa quenda de intervención, a reitora non desaproveitou a oportunidade de falar da “situación excepcional” que tivo que afrontar a comunidade da Facultade, como é a da ausencia dun centro, o que forzou desenvolver a súa actividade “repartida en distintos espazos”. “Agardemos que esta toma de posesión sexa unha feliz coincidencia: inicia o seu camiño un novo equipo decanal ao tempo que comeza a erguerse o edificio que marcará o futuro de varias xeracións de estudantes, profesionais e persoal da nosa Universidade”. “Poucas veces un relevo institucional coincide de maneira tan simbólica co inicio dunha nova etapa para un centro”, concluíu.

No acto tomou tamén a palabra a decana saínte e hoxe vicerreitora de Ordenación Académica e Oferta Formativa, Reyes Laguna, que lembrou a historia da Facultade, “única en Galicia, é un referente desde que en 1857 acollera aos primeiros estudantes no Pazo de Fonseca, que albergou os estudos de Farmacia, ata o seu traslado a este edificio durante o curso 1971/72, hai xa 55 anos”.

“Hoxe despídome deste encargo agradecendo enormemente a confianza que depositastes na miña persoa, coa serenidade de ter rematada unha etapa que requiriu tempo, dedicación e equilibrio pero tamén me despido cunha fonda emoción ao ver como a profesora Raquel Sendón toma a testemuña con enerxía, decisión e sensibilidade”, dixo.

0.27358889579773